A cova do Rei Cintolo, a mellor da Galiza

No verán, a cova do Rei Cintolo recibe a visita programada de tres grupos de entre catro e 10 persoas. (Foto: Nós Diario)
A cova do Rei Cintolo é a gruta calcaria máis grande da Galiza. En 2019 logrou a acreditación como mellor destino científico, un selo de calidade que vén de renovar da man da axencia de turismo Observer.  A conservación, divulgación e valor xeolóxico da gruta fan de Mondoñedo destino espeleolóxico.

A plataforma Observer de destinos e servizos de turismo científico certificados vén de renovar  o título que por primeira vez  concedeu á cova do Rei Cintolo en 2019, acreditado como o mellor destino científico da Galiza. Para o arqueólogo municipal de Mondoñedo, onde se localiza a caverna, na parroquia de Argomoso, esta distinción é un recoñecemento "ao bo facer do Concello" na xestión da caverna nos últimos anos.

"Esta acreditación referenda que as cousas se están a facer ben. Estase a protexer un elemento natural, arqueolóxico, de grande importancia. Estase conseguindo achegar á poboación cunha posta en valor totalmente respectuosa, cun sistema de visitas que ademais favorece distintos traballos de investigación, para que todos os descubrimentos que se vaian facendo repercutan na propia calidade, na súa conservación, coñecemento e posta en valor", resume Abel Vigo en conversa con Nós Diario.

O Concello de Mondoñedo ofrece visitas guiadas de forma continuada á galería central. Durante o verán teñen lugar todos os días. Entre marzo e decembro limítanse a festivos e fin de semana. "Pero á parte desas visitas ordinarias, pensadas para todos os públicos cunha forma física normal, a partir de 11 anos, tamén se desenvolven visitas especiais, espeleolóxicas. Descenden até o río e están pensadas para maiores de idade e en boa forma física".

Calquera destes percorridos realízase baixo supervisión, de forma guiada, e todos requiren un contacto previo coa oficina de turismo de Mondoñedo a través do teléfono 982 507 177.

Todos os accesos á gruta están regulados por unha normativa que se vai actualizando. A última é de finais de 2020, e o que busca, aclara Abel Vigo, "é artellar a máxima protección a todos os niveis para evitar deterioracións dentro da cavidade".

Rocha calcaria e lousa

Cada día, nos meses de estío, grupos de entre catro e dez persoas percorren a galería central da cova ás 12, 17 e 18.30 horas. Acceden a unha caverna de rocha calcaria, cunha estrutura labiríntica de máis de 6.500 metros e un desnivel por riba dos 75, entre o punto de entrada e o punto máis baixo da cavidade, por onde circula o río Celtas.

"A combinación entre calcarias e lousa dan lugar a unha configuración xeolóxica moi singular. Como elemento natural é punto de acollida de fauna propia das cavidades -como os morcegos-. E a nivel arqueolóxico a cavidade está catalogada como un xacemento do Paleolítico, dados os restos que se foron atopando en máis dun século de investigacións".

A cova, di Vigo, é coñecida en Mondoñedo desde sempre. "Non se pode falar dunha descuberta, como tal, xa que se atopa ao carón dun dos camiños de tránsito das madeiras. O que hai é un achado científico por parte de José Villa-Amil Castro no século XIX". Aí comeza a estudarse e a coñecerse.

"Téñense feito estudos biolóxicos, xeolóxicos, arqueolóxicos. Agora mesmo, Marcos Vaqueiro dirixe un proxecto plurianual no que a USC e a Federación Galega de Espeleoloxía colaboran para elaborar unha topografía completa da cova, ademais de estudos e da súa composición interior" que pode derivar no descubrimento de galerías aínda inexploradas.