Covid-19: Galiza supera os 3.000 casos

Dispositivo de realización das probas PCR (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Repunta a presión hospitalaria en todas as áreas agás na de Compostela-O Barbanza.

Os casos activos da Covid-19 medran un día máis na Galiza até superar a barreira dos 3.000 por primeira vez desde comezos de marzo. En concreto, 3.016 positivos (39 máis que o sábado).

Por áreas sanitarias, as e os doentes coa infección activa aumentan en catro delas. É o caso de Vigo, onde alcanzan os 874 en total (+31); A Coruña-Cee, até os 738 (+9); Pontevedra-O Salnés, até 481 (+12); e Lugo-A Mariña-Monforte, a 206 (+1).

Con todo, baixan na área de Compostela-O Barbanza, a 343 (-3); en Ourense-Verín-O Barco, a 255 (-10); e en Ferrol, a 119 (-1).

No que concirne aos contaxios detectados por todo tipo de probas, este domingo rexístranse 211 novos casos de coronavirus (+7), dos cales 191 foron confirmados cunha PCR. Deste modo, a taxa de positividade cae até 1,8%, por baixo da cifra de onte.

Así mesmo, a Consellaría de Sanidade vén de notificar un novo pasamento, polo que o cómputo global ascende a 2.382 vítimas mortais.

Repuntan os ingresos hospitalarios

Por outra banda, nesta xornada volve subir a presión asistencial, deixando un total de 158 internamentos en planta (+12) e 46 nas unidades de coidados intensivos (+3).

De feito, os hospitalizados incrementáronse en todas as áreas sanitarias agás na de Compostela, que rexistra 23 ingresados (-1), catro dos cales están na UCI.

A área da Coruña volve situarse á cabeza cun total de 59 internamentos (+4), dos cales 12 (+3) están en coidados intensivos; mentres que na de Vigo son 43 (+3), oito deles en críticos (sen cambios). Mentres tanto, na área de Ourense xa son 29 as e os pacientes que requiren ingreso (+2), dos que 11 están na UCI (+1). E en Pontevedra hai 24 (+3), cinco deles en estado crítico (sen cambios).

Pola súa banda, a área de Lugo contabiliza 13 persoas hospitalizadas (+2), das cales catro fican sen novidades en coidados intensivos; e Ferrol ten 12 (+2), dúas delas críticas.