Covid: aumenta a presión hospitalaria malia baixar os novos contaxios rexistrados

Administración da vacina contra a Covid-19. (Foto: Europa Press).

Os casos activos descenden lixeiramente a 3.015 e a taxa de positividade mantense por baixo do 2%.

Os pacientes ingresados debido á Covid-19 incrementáronse até os 214, o que supón dez máis que a xornada anterior, mentres que os novos contaxios caen por baixo dos 200 até os 141 e os casos activos descenden lixeiramente a 3.015 despois de cinco xornadas consecutivas con tendencia ascendente.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18:00 horas deste domingo, nos que se indica que baixan a 45 os pacientes Covid en UCI, un menos, e soben a 169 os doutras unidades, 11 máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en catro de sete: A Coruña e Cee, Vigo, Santiago e Barbanza e Lugo; mentres que descende na de Pontevedra e O Salnés e mantense na de Ourense e Ferrol.

Após cinco xornadas consecutivas de ascenso, os casos activos de Covid-19 descenden lixeiramente a 3.015, un menos, ao haber 160 altas fronte a 159 novos contaxios.

As infeccións activas baixan en catro das áreas sanitarias: A Coruña e Cee (-5), Santiago e Barbanza (-2), Lugo (-2) e Ferrol (-2); mentres que sobe na de Vigo (+4), Pontevedra e O Salnés (+4) e Ourense (+2).

En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, no inicio desta semana descenden a 159 despois de superar os 200 a xornada anterior.

Do total de positivos, 141 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, dos cales 45 corresponden á área da Coruña e Cee; 31, á de Vigo; 26, á de Pontevedra e O Salnés; 16, Santiago e Barbanza; 11, á de Ourense; oito, a Lugo; e catro, á de Ferrol.

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.382 persoas diagnosticadas de Covid-19 na Galiza, sen cambios en 24 horas ao non notificar a Consellería de Sanidade este domingo ningunhas novas vítimas. É a novena xornada que isto ocorre desde hai sete meses.