A Covid "existe" nun outono marcado polo aumento doutros virus respiratorios

A vacinación contra a gripe e a Covid segue a ser chave no primeiro outono-inverno sen restricións. (Foto: María José López / Europa Press).

A gripe e a Covid marcan o inicio do outono con síntomas que son difíciles de diferenciar: febre, malestar, dor de gorxa, tose e dor de cabeza, máis frecuente na infección por coronavirus. Vacinarse segue a ser fundamental, advirte persoal médico, pero deben acompañarse de medidas preventivas como a máscara ante a maior intensidade doutros virus.

"A Covid existe e está aí". Adolfo Baloira, xefe de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra alude á "sensatez" no momento de resumir a incidencia do virus SARS-CoV-2 nos primeiros días do outono. Este coronavirus segue a contaxiarse, mais cun impacto controlado polo efecto das vacinas. 

Con todo, chama a atención sobre "a cepa que probabelmente máis vai predominar" nas próximas semanas, a BA.4.6. "Unha variante da BA.4 que, aínda que non é máis grave, é bastante máis resistente ás vacinas que estabamos poñendo". As novas que se están a administrar, adaptadas a Ómicron, "supoñemos que serán máis eficaces, pero hai que velo co paso dos meses". 

Baloira fala dunha situación "moi ben controlada" na que o número de novos casos rexistrados depende moito de que a xente faga ou non a proba Covid. No verán, apunta, había poucos casos porque case ninguén contrastaba os seus síntomas con un test, pero agora que chega o inverno e comeza a haber máis infeccións respiratorias, a xente axiña toma unha mostra. "É por iso que podemos ter algúns casos máis, pero para min non é unha cifra preocupante".

Ingresos con Covid

Segundo o último informe do Sergas, correspondente á fin de semana, a Galiza rexistrou 226 novos positivos. Os casos activos sitúanse en 2.338, dos cales 198 hospitalizados, oito deles en UCI. "No hospital hai máis ingresos con Covid, é certo, pero non por Covid. Estes días temos o hospital cheo con pacientes de todo tipo. E como á maioría se lle fai un test de antíxenos, saen máis casos, pero de momento non temos un problema serio por Covid".

O pneumólogo Adolfo Baloira. (Foto: Nós Diario)

O perfil dos doentes hospitalizados con Covid é o dunha persoa maior ou con moitas patoloxías, sobre todo, doenzas cardíacas e pulmonares. "A maioría son persoas fráxiles, e aínda así, se están vacinadas, adoitan ter unha enfermidade leve que apenas ofrece problemas".

Por outra parte o especialista en Pneumoloxía apunta o caso daqueles doentes con "tratamentos inmunosupresores potentes" como os que afrontan quimioterapias moi agresivas. Para eles, unha infección por coronavirus é máis perigosa, por iso dispoñen de tratamentos específicos. "En breve imos comezar un novo protocolo con plitidepsina, un fármaco de PharmaMar que probaremos en pacientes hematolóxicos".

Positivos en pediatría

Nas consultas de Atención Primaria a Covid ofrece outro tipo de rexistros. No centro de saúde de Montealto, na Coruña, é o persoal de pediatría quen está a comunicar máis casos de coronavirus. "Estanse a ver máis positivos en crianzas que entre a poboación adulta e os doentes crónicos, onde non vemos un grande incremento". 

A demanda asistencial aumentou entre a poboación menor de idade por procesos de infección das vías respiratoria altas. "Moitos son Covid positivo". Nas consultas xerais  "o agravamento de patoloxías previas que observamos é consecuencia, sobre todo, de procesos catarrais". 

Gripe A

Tamén están a ver bastantes casos de gripe A. Chegou cedo, confirma Adolfo Baloira. "Vimos xa uns poucos casos ao longo de todo o ano, e agora máis. Aínda non podemos falar de epidemia, pero empeza a ser frecuente, o que nos fai pensar nunha incidencia de gripe elevada durante o inverno".

Baloira chama a poboación máis  fráxil e as crianzas -grandes transmisoras do virus- a vacinarse. "A picada é menos eficaz que a da Covid pero reduce á metade o risco de ter a doenza", no primeiro inverno sen máscara após a pandemia. Neste sentido, o experto convida os colectivos vulnerábeis a recuperala en espazos interiores, e ao resto da poboación a facelo sempre en caso de síntomas compatíbeis. "Trátase de romper a cadea de contaxios. Hai que pensar que un individuo con gripe pode pasarlla facilmente a outros catro, e isto é exponencial. E a gripe é unha doenza que mata xente todos os anos".