Covid: Galiza abeira os 1.000 contaxios nun só día e os casos activos xa superan os 8.200

Cidadás nun cribado masivo que decorreu en Ourense en xullo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
As zonas máis afectadas polo incremento son Vigo e Ourense, situación que mantén en alerta á Xunta. Desde que comezou a pandemia até a actualidade na Galiza perderon a vida 2.678 persoas.

A situación epidemiolóxica na Galiza continúa a empeorar malia as medidas restritivas, a demanda do Certificado Covid cada vez en máis espazos e a campaña de reforzo da vacinación. Os datos que vén de fornecer a dirección xeral de Saúde Pública amosan que os novos contaxios nas últimas 24 horas -até a tarde deste sábado- chegaron a 957, a cifra máis alta dos últimos días.

Os rexistros da Consellaría de Sanidade aluden a 8.204 casos activos este domingo 5 de decembro, o que implica un aumento de 643 casos en relación ao día anterior.

Porén, a estas alturas superaron o coronavirus 183.149 galegas e galegos, 314 máis das que se contaban nos rexistros este mesmo sábado. En consecuencia, o crecemento real no número de contaxios para superar as 8.200 doentes que neste momento teñen o virus foi de casi un milleiro de cidadás contaxiadas nunha soa xornada.

Por áreas sanitarias, 1.137 dos casos actuais (84 máis que un día antes) téñense notificado na Coruña, mentres que en Lugo hai 645 (+26).

A última actualización de Saúde Pública tamén achega a información de que Ourense alcanzou os 2.041 casos activos, cun incremento de 115 sobre o sábado; na demarcación de Pontevedra hai 954 (+88) persoas enfermas, e Vigo lidera a listaxe das grandes cidades con 2.449 casos. Neste último caso, o crecemento das afectadas polo coronavirus foi moito máis acelerado nas últimas 24 horas pois se ten constancia de 268 incorporacións a esta estatística.

Pola súa banda, a zona de Compostela-Barbanza fica con 595 (+22) doentes, quer en hospitais, quer en control domiciliario. En Ferrol notificáronse 383 casos (+40).

Dada a situación tanto de Vigo como de Ourense, non sorprende que este sábado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, resaltara que eran as áreas sanitarias que causaban unha maior preocupación porque están "especialmente castigadas".

No que se refire aos ingresos, a evolución de 35 persoas segue a ser atendida nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), o que supón que polo menos unha persoa saíu desta zona de control. Aliás, hai 188 galegos e galegas en diferentes unidades da rede de hospitais, cun incremento de 19 persoas con respecto ao balance anterior de Sanidade.

No que vai de pandemia, finaron 2.678 persoas no país.