Covid na Galiza: dous novos mortos, en residencias de Culleredo e Lobeira, e 206 positivos

(Foto: Europa Press)
O número de falecidos diagnosticados con coronavirus desde o comezo da 'nova normalidade' ascendeu a 128

Galiza rexistrou dous novos falecementos de persoas con coronavirus Covid-19, de usuarios de senllas residencias de Culleredo e Lobeira, e outros 206 positivos.

Segundo os datos actualizados esta sexta feira pola Consellería de Sanidade, na xornada da quinta feira rexistráronse dous falecementos en centros residenciais que elevan a 749 as vítimas na Galiza.

En concreto, unha muller de 90 anos con patoloxías previas no Fogar Residencial El Pinar de Culleredo e un home de 72 anos de Nosa Señora do Viso de Lobeira.

Con estes novos casos, o número de falecidos diagnosticados con coronavirus desde o comezo da 'nova normalidade' ascendeu a 128.

A primeira morte deste período foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, Galiza encadeara case dous meses -desde o 10 de xuño- sen decesos relacionados co coronavirus.

En canto aos casos activos, segundo os datos facilitados, descenderon en 56 até situarse en 4.203. Con respecto á xornada pasada, baixaron nas áreas da Coruña (60 menos), que concentra 904; Pontevedra (30 menos), que está en 765; Vigo (23 menos), que conta con 491; e Ferrol (un menos), con 128.

Por contra, aumentaron nas áreas de Ourense (51 máis), que rexistra 850 casos activos; na de Santiago (cinco máis), que conta con 539; e na de Lugo (dúas máis), até os 526.

No que atinxe ás residencias, o número de casos é de 446, a maior parte deles correspondentes a persoas usuarias (313) mentres que 133 son de traballadores e traballadoras. O número de persoas falecidas por coronavirus relacionadas coas residencias é de 327.

En canto a escolas infantís e centros de ensino, hai 361 casos e 32 aulas pechadas.