Covid: Galiza supera as 2.000 vítimas pola pandemia

Sala habilitada para os cribados da Covid-19 entre a veciñanza de Culleredo. (Foto: Nós Diario)
A Consellaría de Sanidade fornecerá datos máis concretos nas próximas horas, pero alertou de que os 28 óbitos contabilizados hoxe decorreron en diferentes xornadas. Ademais, mañá haberá unha comparecencia para explicar o contido da reunión do comité clínico desta terza feira.

Non transcenderon datos da reunión do comité clínico, mais a Xunta comunicou a última hora desta noite a evolución da pandemia en terminos de vítimas. A estas alturas Galiza xa supera os 2.000 pasamentos polo coronavirus, se ben as autoridades sanitarias indicaron que fornecerían datos concretos nas próximas horas.

A Consellaría de Sanidade incorpora a esta estatística 28 novos óbitos que se validaron como causados polo virus hoxe, se ben corresponden a varias xornadas distintas. Á espera das explicacións sobre as idades das falecidas e falecidos, sábese que polo menos son 2.016 sen ter cumprido nin un ano do primeiro deceso vinculado coa pandemia.

Ademais de agardar que transcendan os centros sanitarios ou residencias nas que decorreron os decesos, é previsíbel que mañá haxa unha nova comparecencia para dar  detalles do sucedido ao longo do encontro co comité clínico desta terza feira, que de feito volve estar no centro da polémica polo seu importante peso político.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xa deixaba entrever onte que non habería cambios inmediatos, pois auguraba que algunhas restricións poderían reducirse a partir da próxima semana se a evolución dos contaxios continúa á baixa. De feito, a orde xa tiña un período de aplicación até o 17 de febreiro.

O representante do Executivo galego falou dunha certa esperanza pola caída da positividade nos cribados, mais apuntou: "É un optimismo condicionado porque a presión hospitalaria segue sendo alta". 

Unha semana chea de polémicas

Esta semana tamén estivo marcada polo gran número de falecementos, que xa andan polos 2.000 e polas dificultades para levar un reconto organizado dada a fórmula que está a empregar a Consellaría de Sanidade para fornecer os datos con atrasos e mesturados nos días.

Aliás, outra das grandes polémicas está nas residencias. Se o foco das criticas é a conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, e o motivo polo que a Xunta adiantou a súa vacinación, tamén están de actualidade novas denuncias de familiares polas condicións das usuarias dos centros e de traballadoras, que falan do seu contexto laboral.