Covid Galiza: O TSXG autoriza a prohibición das reunións de non convivintes entre as 3 e as 6
A Xunta da Galiza vén de obter o visto e prace do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) para prohibir as reunións de persoas que non convivan entre as 03 e as 06 horas como medida de control da Covid-19.
A Xustiza galega, a través da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo, permite ao Executivo de Alberto Núñez Feixoo que limite quer os encontros en espazos exteriores como no ámbito privado.
Para a xudicatura "está vixente o dereito para persoas conviventes e acompáñase dun importante número de excepcións que o manteñen, por razóns laborais, sanitarias ou doutra índole". Por exemplo, teñen certa flexibilidade as parellas que viven en distintas vivendas ou as persoas que viven soas.
A medida para intentar reducir os contaxios da Covid-19 en pleno aumento dos mesmos entrará en vigor na medianoite do día seguinte á publicación da norma no Diario Oficial da Galiza (DOG), é dicir, desde mañá e se prolongará até a medianoite do próximo 18 de xaneiro.
En calquera estabelecemento de hostalaría e a calquera hora será preciso presentar a documentación que demostra estar ao día da vacinación fronte ao coronavirus
Así mesmo, como se comunicou na tarde desta quinta feira 30 de decembro, o Tribunal apoia co seu ditame a decisión de que se amplíe a todo o horario de apertura da hostalaría a exixencia do Certificado Covid.
É dicir, se até o de agora había que entregalo nos restaurantes a calquera hora e nos bares a partir das 21 horas, unha vez o DOG dé conta da nova orde, en calquera estabelecemento de hostalaría e a calquera hora será preciso presentar a documentación que demostra estar ao día da vacinación fronte ao coronavirus.
Tamén servirán os resultados negativos dunha proba diagnóstica ou o pasaporte de ter superado o virus para acceder ao interior dos negocios, polo menos até o mesmo 18 de xaneiro.
"Salvagarda da saúde"
Os maxistrados consideran, agora, que a adopción destas medidas de control está xustificada polo "relevante risco" de transmisión do virus que existe no país. Respecto a un posíbel dano aos dereitos fundamentais das persoas, opinan que as prohibicións afectarán "en grao mínimo".
Contrapuxeron ese perxuízo "á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde".
"Orfo" de apoios científicos
Na resolución, faise alusión a estudos científicos que se atenderon á hora de ditar outros autos relacionados con medidas sanitarias que implican limitación ou restrición de dereitos fundamentais. Así o explican, pois opinan que o informe da Xunta estaba "completamente orfo de identificación dos informes e estudos que se empregan como base das afirmacións nel recollidas".