Covid: nova xornada por riba do milleiro de novos casos

Unha ambulancia traslada un doente coa Covid-19 ao hospital de Lugo (Carlos Castro / Europa Press).
1.493 positivos nas últimas 24 horas e un total de 1.312 doentes ingresadas nos hospitais galegos.

Sanidade notificou na mañá deste sábado 1.493 novos positivos por coronavirus, (150 menos que os rexistrados onte), sumando un total de 22.511 doentes coa infección activa.

Os postivos por PCR foron un total de 1.259 das 13.890 probas practicadas, o que supón unha positividade de 9,4% (10,75% contabilizando todas as probas de detección da Covid), de novo dobrando o limiar que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Por áreas sanitarias, 5.984 son da área da Coruña, 2.121 da de Lugo, 2.963 da de Ourense, 2.365 da de Pontevedra, 3.846 da área de Vigo, 3.445 da de Santiago, e 1.787 da de Ferrol.

O foco continúa na situación nos hospitais, onde este sábado baixa o total de ingresados (-19) aínda que en aumenta, practicamente nos mesmos termos, o número de pacientes que necesitan coidados intensivos (+18).

Do total de pacientes positivos, 228 están en UCI, 1.084 en unidades de hospitalización e 21.199 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 71.531 persoas curadas, rexistrándose 1.752 pasamentos desde o inicio da pandemia.

Diminúen os casos nas residencias e aumentan nos colexios

Hoxe houbo un lixeiro descenso no número de casos activos nas residencias de maiores, con 440 usuarias contaxiadas (-12) e 257 traballadoras (-7), e nos centros de atención á diversidade, con 107 (-1) e 47 (+3) respectivamente.

Nas escolas galegas, pola contra, volveron aumentar os casos até 3.725 (+86). Así mesmo, permanecen fechadas 184 aulas (+20) e oito centros (sen cambios).