Covid: Sanidade alerta do incremento dos contaxios coa variante africana
A reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) non se limitou a decidir que as medidas de contención do virus vixentes neste momento non serán máis restritivas durante a Semana Santa, senón que as e os representantes dos distintos territorios concordaron en que hai un “crecemento da presenza da variante surafricana” da Covid-19 en todo o Estado español.
Así o manifestou despois do encontro a ministra de Sanidade, Carolina Darias, que ofreceu unha rolda de prensa xunto aos seus homólogos en Política Territorial e Función Pública e Interior, Miquel Iceta e Fernando Grande-Marlaska, respectivamente.
Se ben recoñeceron que é a circulación da cepa británica a que está en “claro ascenso”, sendo a principal nalgunhas zonas, a variante africana tamén gaña terreo.
"A variante británica é xa prevalecente en España no 50%, aínda que nalgúns territorios a súa incidencia supera o 70 ou 80%, polo que se está convertendo en maioritaria”, indicou a responsábel da carteira de Sanidade.
Engadiu que teñen coñecemento de que “estas variantes teñen a mesma forma de transmisión que o virus orixinal, polo que a cultura da precaución do coidado debe seguir funcionando”.
Isto podería dar unha explicación á evolución da epidemia nestes últimos días, onde houbo un aumento dos contaxios e das hospitalizacións. Na Galiza, de feito, a caída dos casos experimentou un paro.
A nivel estatal, a representación do Goberno de Pedro Sánchez indicou que a incidencia nos últimos 14 días estivo nos 132,22 casos por cada 100.000 habitantes. Onte falábase só de 128,71 positivos.