Covid: O sector hostaleiro será sometido a cribados para garantir os mínimos contaxios

Encontro dixital con representantes da hostalaría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

A Xunta acorda co sector que fará probas do virus aos seus cadros de persoal. Igualmente, comprométese a incrementar a vixilancia sobre as e os traballadores das empresas turísticas en xeral.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron esta segunda feira un encontro telemático con representantes da hostalaría e do turismo en Pontevedra. Nesta reunión comprometeron a realización dun control ás e aos traballadores destes ámbitos na Galiza.

A idea de García Comesaña é practicar un “cribado de detección da Covid-19 ao longo das próximas semanas”. Se primeiro se deu a promesa de aumentar os controis nos centros residenciais, unha vez reaberta a hostalaría a Xunta di que quere garantir a seguridade de toda a poboación galega por esta vía.

O tamén vicepresidente primeiro, Rueda, concretou -nun debate no que tamén participou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana- que ese cribado vai ser a forma de “chegar á maior parte do persoal da hostalaría que está traballando” nestes momentos.

“Canta maior seguridade sanitaria, mellor”, incidiu Rueda, prevendo que ter baixo revisións de posíbeis contaxios á hostalaría e ás empresas turísticas vai reducir a expansión do coronavirus no país.

Esta iniciativa afectará exclusivamente aos locais que están en funcionamento agora mesmo. O representante do Goberno galego así o explicou no encontro de hoxe con representantes de Pontevedra, pois vanse suceder as charlas co sector de todas as zonas da Galiza para intentar negociar unhas axudas e fixar con recomendacións directas os criterios para a desescalada.

Segundo o conselleiro, vendo que este ámbito de traballo é dos máis afectados pola pandemia -ao tempo que é dos que máis empregos sostén- as distintas subvencións “estanse a axilizar ao máximo”.

Rueda mesmo chegou a afirmar que xa hai autónomas que están ingresando e que “en breve” comezarán a chegar outros ingresos prometidos para que “o diñeiro chegue cando máis o precisan”. Até o de agora a Xunta recibiu 36.000 solicitudes dalgunha liña de axuda. No entanto, as e os hostaleiros están sendo bastante críticos coa xestión do virus na parte que lles toca de forma directa.