Covid: Suben a 38 as e os infectados no foco da Domusvi de Vimianzo
Neste momento hai 225 persoas relacionadas cos centros residenciais galegos infectadas polo coronavirus. É unha das cifras máis baixas dos últimos meses e o certo é que a Xunta comezou a campaña de vacinación polas mesmas infraestruturas, mais ningún espazo está libre de sufrir un novo surto da Covid-19.
No balance desta terza feira da Consellaría de Política Social amósase que a residencia DomusVi de Vimianzo xa conta con 38 residentes e 9 traballadoras que deron positivo polo virus. Se ben é certo que o cómputo das persoas contaxiadas nestes espazos baixou en catro en un día, até quedar nas 113, hoxe incorporáronse novas enfermas ao listado de Vimianzo, quer entre o cadro de persoal, quer entre as usuarias.
Dáse a circunstancia de que onte mesmo se daba a coñecer o falecemento de dúas persoas vinculadas con esta infraestrutura xestionada por DomusVi, unha empresa que non estivo exenta da polémica polo coidado aos maiores da Galiza desde que comezou a pandemia. De feito, neste momento na DomusVi de Vigo tamén hai unha pequena parte de persoas afectadas. En concreto, son cinco.
Porén, despois de Vimianzo, en número de afectadas están a CRAPD Vigo II (12); a Saleta de San Cristovo de Cea (12); a Moledo de Vigo (11) e o xeriátrico de Vilaboa (8). Así mesmo, na residencia Monte Tecla da Guarda hai seis casos positivos.
Tanto a San Bartolomeu de Xove como a Vila do Conde de Gondomar teñen catro contaxiadas mentres que o Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo ten 4. Na San Antonio de Beariz e na Soremay de Pontevedra permanecen dous doentes, respectivamente.
Por último informouse dun caso nos centros Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, Servisenior de Brión, San Salvador de Guntín e na residencia de Covelo.
No que respecta aos cadros de persoal, hai 112 operarias e operarios infectados. Neste caso, o liderado é para a residencia de Vilaboa con 10 traballadoras en corentena, seguida da DomusVi de Vimianzo con 9. Na DomusVi Ribadumia, no centro Asilo de Vilalba e na Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, Política Social sigue contabilizando 8 positivos.