Covid: Esperanza Aguirre acusa a Sánchez de ir contra Madrid porque “os impostos son baixos”

A ex presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre. (Foto: Europa Press)

A expresidenta da Comunidade de Madrid sae en defensa do traballo de Isabel Díaz Ayuso á fronte do Executivo autonómico e asegura que o Goberno do Estado español “ten enfilados” ás e aos madrileños.

A ex presidenta da Comunidade de Madrid cargou hoxe contra o Goberno de Pedro Sánchez e defendeu o labor que está a facer Isabel Díaz Ayuso á fronte da autonomía nun momento de especial incidencia da pandemia.

Aguirre, que fixo unhas declaracións a unha canle de televisión, asegurou que os movementos do Ministerio de Sanidade dos últimos días respecto da autonomía débense a que Sánchez vai “contra” o Executivo rexional.

A teoría da que estivera na política activa da man do PP é que o actual equipo que dirixe o Estado español ataca a Madrid porque alí “hai liberdade”. Tamén cre que hai unha persecución porque “os impostos son baixos”. “Tennos enfilados”, reflexionou á respecto da actitude de Pedro Sánchez cara as e os madrileños.

A actuación do ministro Salvador Illa, que hai uns días negaba que estivese interferindo nas competencias da Comunidade, responde segundo Aguirre a “unha decisión política” e non só a un intento de frear os contaxios do coronavirus.

Desde o seu punto de vista Díaz Ayuso “está facéndoo moi ben” ao xestionar a crise sanitaria.

“Aquí pódese elixir colexio, médico, hospital, pódese mercar a calquera hora do día e da fin de semana... Hai liberdade e os imposotos son baixos. Iso non lle gusta aos socialistas e ao Goberno”, lamentou a ex presidenta.

Ao seu parecer, o Executivo estatal “está decidido a acabar co liberalismo que Ayuso defende na comunidade” porque Sánchez está “cada vez máis podemizado”.