Crease a Cooperativa 'Avoaescola'

Francisco López, Presidente da Cooperativa Popular Avoaescola
Despois da asemblea de 'Galiza co galego' aprobouse a constitución da Cooperativa 'Avoaescola' que apoiará o ensino en galego na Galiza. Varias horas de debate nas instalacións do Burgo das nacións de Compostela remataron cun proceso de tres anos de iniciativa popular que xa recibiu máis de 3.000 apoios cidadáns.

Francisco López, Presidente da Cooperativa Popular “Avoaescola”


'A cooperativa vai ser esa ferramenta que a cidadanía vai ter para poder ter ensino en galego'


Comezou neste proxecto en 2009, despois dun debate coa súa filla, activista en varios movementos sociais, despois da chegada do PP ao goberno da Xunta e a eliminación das Galescolas. Primeiro como voz visíbel da comisión promotora, despois como presidente de Galiza co galego e agora coa responsabilidade de presidir a Cooperativa Popular de Ensino “Avoaescola”. Despois de varias horas de asemblea fala algo canso mais satisfeito de chegar a ver un chanzo máis no camiño da normalización do galego no ensino.  


P-Semella máis ben o principio dun proceso aínda que xa leven moito tempo. Como se chegou a constituir esta cooperativa?
R-A idea sempre foi constituír unha cooperativa. Primeiro, no 2009, tivemos que constituírmos nunha comisión promotora. Despois ao recoller apoios constituíuse Galiza co galego. Todo isto ven aparellado a un debate de facer unha cooperativa como ferramenta de traballo. Daquela, unha vez constituída Galiza co galego o seguinte paso foi constituír a cooperativa.
Galiza co galego é, digamos, a organización social grande coa participación de toda a cidadanía que queira participar neste proceso. A cooperativa vai ser esa ferramenta que a cidadanía vai ter para poder ter ensino en galego, plural, inclusivo e laico. Falamos de inclusivo porque pretendemos que sexa para todos e para todas, un ensino universal onde non haxa barreiras de ningún tipo, nin económicas nin ideolóxicas, onde non se fagan endogamias.

'Falamos de inclusivo porque pretendemos que sexa para todos e para todas'


P-Agora coa cooperativa constituída cal será o seguinte paso?
R-Pois que a xente que queira dar escola teña esa posibilidade. A cooperativa participará. Leva uns procesos paralelos como a adhesión por parte de varias escolas ao noso proxecto. Nós queremos que as escolas que compartan a nosa idea sigan funcionando. É o caso de “Andaina” na Coruña ou “Raiola” mais hai máis polo país. De moitas nin sabemos. O importantes é achegalas e poñelas en valor, facer que sexan rendíbeis.


P-Crearíase algunha nova?
R-Si, e a xente quere si. Sempre e cando haxa persoas que se poñan. Contratar aos mestres e ás mestras, etc. Logo poderían chegar a constituírse en cooperativa. Nós queremos un ensino participativo e non neoliberal como o que se está practicando.

'Nós queremos un ensino participativo e non neoliberal'


P-Como se achegarian ao  profesorado?
R- Pois se cadra indo ás universidades. Precisamos tamén a súa complicidade. Teñen que sentir que nós temos algo que dicirlles. Nós somos un proxecto social, non somos un proxecto pedagóxico nin universitario. Nós somos unhas persoas interesadas polo galego, interesadas nuns valores que queremos fomentar este ensino.