Médicos critican falta de coordinación co equipo de rastrexadores

Un sanitario sostén unha mostra para realizar unha análise PCR (H. Bilbao/Europa Press).
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria denuncia a falta de coordinación dos servizos de Atención Primaria co equipo de rastrexadores encargado do seguimento dos contactos dos novos casos positivos por coronavirus. Unha eiva, di, que lastra a súa función esencial no control da Covid-19 e dos focos activos.

Tres meses despois de que a Consellaría de Sanidade avanzase a posta en marcha dun equipo de teleoperadores para contactar cos casos próximos de positivos por coronavirus e reforzar o seu illamento, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), sociedade científica que agrupa máis de mil médicos e médicas de familia galegos seguen a detectar un problema de falta de coordinación entre os profesionais asistenciais e o sistema de vixilancia dos contactos. "Non temos información do que se está a facer, de canto se está a facer nin como", explica a Nós Diario Jesús Sueiro, portavoz de Agamfec. 

O colectivo médico de Atención Primaria achaca esta deficiencia á contratación por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas) dunha empresa externa, allea ou sistema público de saúde.

Segundo explica Sueiro, cando nos servizos de Atención Primaria confirman un caso de Covid-19, activan un aviso que pon en alerta o sistema de rastrexadores para o seguimento dos seus contactos. "Nós illamos esa con todas as recomendacións, mais a partir de aí non sabemos que pasa nin a quen citan nin que probas realizan", asegura.
Neste sentido, desde a Asociación galega de Medicina familiar e comunitaria reclaman unha "relación fluída co persoal de control de contactos", xa que na actualidade descoñecen en que condicións se realiza a detección de posíbeis contactos, que seguimento se lles aplica e como se resolve a súa afectación en caso de presentaren síntomas compatíbeis coa Covid-19. "O desexábel sería ter acceso a toda esta información", si Jesús Sueiro.

Desde Atención Primaria lembran que aos seus servizos non chegou ningún reforzo de persoal, como anunciara o Sergas, malia ser a porta de entrada ao sistema de saúde. "Se os casos comezan a dispararse a falta de persoal pode ser un problema", alertan, xa que durante o verán, con permisos e vacacións, a sobrecarga de traballo aumenta.