Críticas ás "raíñas das festas" e ás "postas de longo" por perpetuar un rol machista

Foto de grupo do acto de escolla da raíña da festa de San Roque 2022 no Concello de Betanzos. (Foto: Nós Diario)
Preocupa a continuidade destas prácticas nun contexto festivo.

A figura da raíña das festas e as "postas de longo" de rapazas resístense a desaparecer na Galiza. Se municipios como Sarria en 2012 e Tui en 2016 decidiron suprimilas diante das críticas cada vez máis numerosas de colectivos feministas e partidos políticos, outros concellos e institucións manteñen a día de hoxe a súa realización inalterábel. 

Betanzos é o exemplo máis coñecido, coa elección, outro ano máis, da raíña das festas de San Roque que tivo lugar esta pasada fin de semana. Neste caso, ademais, contan cunha "raíña infantil" co mesmo formato que a de adultas. A maiores, esta edición contou coa polémica dun posíbel "arranxo" por parte da edil de Feiras municipal, Mónica Carneiro, para impór a súa sobriña, polo que foi cesada pola alcaldesa do municipio, María Barral (PSOE).

Por este motivo, o Goberno local anunciou que incorporaría un sorteo entre as aspirantes.

O BNG de Betanzos leva anos tentando que se elimine esta figura das festas e xa en 2012 Galiza Nova denunciaba que, ademais do seu carácter “machista e patriarcal”, derivaba un gasto para as arcas públicas de 13.000 euros. Esta edición o grupo local nacionalista presentaron mesmo unha moción que foi rexeitada no pleno.

"Defendemos unhas festas para todas e todos, que fomenten a igualdade e que promovan a nosa cultura e patrimonio como o noso valor fundamental. Unhas festas das que todas nos poidamos sentir orgullosas", aseguraba sobre este tema a portavoz nacionalista de Betanzos, Amelia Sánchez. 

A gala anual do Liceo Casino de Pontevedra

Outro dos eventos que aínda se manteñen nos que as protagonistas públicas son mulleres é a "presentación en sociedade" das rapazas cando se considera que entran na idade adulta.

É o caso da “posta de longo” que organiza cada ano o Liceo Casino de Pontevedra e que nesta ocasión, o pasado 13 de agosto, contou coa participación de 22 mozas que seguiron o ritual de ir acompañadas de padriños -nesta ocasión houbo unha madriña- que vestidas de gala abrían a cea cun baile. A crítica, neste caso, veu da man de Galiza Nova que  cualificou nas redes sociais este evento de "celebración machista e retrógrada na que as rapazas son tratadas como obxectos".

Contar cunha educación diferente

En opinión de Carme Adán, doutora en Filosofía, docente e coordinadora da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, “vivimos unha pequena involución, durante uns anos cuestionábanse estas prácticas como arcaicas e volven fomentando a idea de mulleres como princesas ou obxectos”.

Asegura, en conversa con Nós Diario, que “a moitas mozas se lles exixe a responsabilidade diante da violencia que sofren agora mesmo en moitas festas”. Considera “rancia” unha tradición na que elas se teñan que vestir dunha determinada maneira "para que os mozos as vexan", algo que cre que “igual tería sentido na sociedade decimonónica mais hoxe está fóra de tempo e espazo”. Conclúe sinalando que para que as festas sexan seguras “igual temos que propoñernos unha educación diferente”.

Manter o rol segregado, fonte de conflito social

Nun recente traballo de investigación realizado por Verònica Gisbert e Joaquim Rius-Ulldemolins da Universitat de València e publicado en 2020, atendíase á crecente atención social e académica das desigualdades de xénero nas fesas tradicionais. Afirmaban que os “fenómenos como o acoso, abuso ou agresións sexuais, os roles segregados ou as codificacións patriarcais que facilitan institucións festivas moi masculinizadas revelaron que existe unha persistencia no mantemento que choca coa evolución da sociedade cara a unha maior igualdade”.

Concluían neste mesmo estudo que “a cultura festiva tradicional non pode interpretarse correctamente desde a dimensión do consenso senón como unha area de conflito social” que tería a súa interpretación como “continuidade da dominación patriarcal”.