UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Crónica dunha loita contra a exclusión social e institucional

Non ter para comer, para pagar o aluguer, a hipoteca ou as facturas; para vestir, pagar os libros dos nenos ou para, en definitiva, cubrir as súas necesidades básicas. Vidas con nome, como Beatriz, José Manuel ou Analia, con milleiros de apelidos. Un esbozo do drama social no que viven hoxe un de cada catro galegos.

“Síntome humillado. Un cero á esquerda. Pero eu non busquei esta situación”, comenta José Manuel, parado de longa duración e pai de tres fillos (de catro, seis e quince anos). "Vas a calquera sitio para buscar axuda ou orientación, para que te axuden a saír adiante, para os meus fillos, que son o principal, e só atopas rechazo".

 

Encontrámonos na parroquia do Cristo da Victoria, en Vigo, que acolle a Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia, creada en 2007. O núcleo dun crecente movemento cidadá e veciñal de denuncia, de loita comunitaria, contra a pobreza e a exclusión social. Un lugar de referencia para conseguir asesoramento legal na tramitación das axudas e prestacións sociais e rede de apoio para decenas de persoas.

 

A ODS de Coia é o núcleo dun crecente movemento cidadá e veciñal de denuncia, de loita comunitaria, contra a pobreza

 

Un número que medra cada semana, algúns porque o descoñecían e outros porque xa non atopan saída. “Dar a cara, vir aquí, contar que fuches desafiuzada, ter que falar cunha traballadora social ou simplemente contalo na prensa... Non é fácil, menos despois de levar tantos portazos na cara”, di Beatriz, nai de tres fillos (de tres, cinco e oito anos), tamén desempregada.

 

 

 

 

 

 

 

 

Está tamén presente Carlota Pérez, voceira da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) de Vigo-Tui, que recorda o caso de Analia. No paro dende 2007, sen ingresos, incapaz de facer fronte aos gastos. Sen fogar nunha cidade que conta con 18.500 pisos baleiros, segundo o Instituto Nacional de Estatística.

 

Alén das cifras, sucéndense as historias de carne e oso, que contan cun fío común. Todas e todos teñen claro a quen sinalar como responsábeis: Xunta e Concello, Concello e Xunta. Atrancos administrativos e burocráticos, marxinación nos servizos sociais, atrasos nas axudas e falta de información son algunhas das denuncias que dirixen polo común cara ambas as dúas institucións.

 

Poder discreccional e para as traballadoras sociais

 

“Xogan coa paciencia da xente. Algúns deixan de esixir os seus dereitos polas continuas dificultades que lles poñen”, dime ao rematar Diego Lores, coordinador da ODS de Coia. As protestas polo trato recibido das traballadores sociais do Concello son tan habituais que nin sorprenden os máis antigos das xuntanzas.

 

“Todo pasa pola valoración das traballadoras sociais, que marxinan inmediatamente os grupos críticos”, conta Emilio, párroco do Cristo da Victoria, como represalia polas continuas accións reivindi- cativas e demandas públicas que a rede comunita- ria impulsou nos últimos meses.

 

“As bases poñen moito énfase no papel da traballadora social, que actúan coma un filtro previo. Non deixan pasar as axudas que non queren elevar á comisión”, asegura pola súa banda Esther Lora, consultora legal da ODS. “Sacan logo un documento dicíndonos que 99 por cento das axudas se concederon. Mesmo que sobraron cartos do fondo de emerxencias. Ten sentido. Se non deixas pasar a metade das solicitudes, claro que vas ter unha alta porcentaxe de éxito”.

 

Por que non cumpren as bases ou por que non queren?, pregunto. “Non existe ningunha seguridade xurídica. Entregan toda a documentación, pero non reciben algo que o demostre. Até pedimos que puxeran un selo e nin iso. Moita documentación non se xestiona, acaba no lixo”, explica Emilio.

 

Só as persoas que fan o trámite polo rexistro do consistorio vigués, que retrasa o ‘papeleo’ unhas semanas, obteñen resposta escrita e xustificada. Unha situación que se reverteu este ano, mais que obrigou a moitos a realizaren de novo a xestión da súa axuda. Para obter, polo menos, unha explicación do rexeitamento da prestación e unha opción a recorrer o incumprimento das bases.

 

Todo polos nenos

 

Beatriz coñece o motivo: catro euros. Esta cantidade significou que a súa familia de cinco membros perdera o cheque social do Concello. Tampouco pode acceder a unha axuda para pagar o aluguer, logo de ser desafiuzada en 2011, nin para os libros dos seus cativos, porque vive nun piso arrendado a nome de outra persoa, ante a imposibilidade de conseguir un aval bancario. “Tentan que nos sintamos culpables. Fannos dar voltas e entregar papeis para nada. Pero se o deixamos o perdemos”.

 

A obtención dunha Risga implica dar contas de, mesmo, cuestións íntimas da vida das persoas

 

“Dinme que o meu non é un caso de emerxencia. Teño que agardar a ter os mobles fóra da casa para que o consideren?”, inquire José Manuel. “Se eu teño que durmir na rúa, son un adulto, podo buscar a vida. Pero os nenos non teñen por que pagar isto. Eu podo non comer ou ducharme con auga fría, pero como mando o meu fillo así á escola?”.

 

“Chegan asuntos sociais ou menores e retíranche os nenos”, respóstalle Beatriz. “Estamos aquí por eles. E nin sequera son capaces de cubrir os dereitos dos nenos. A ter un teito e comida. Como poden dicir que non hai cartos. Non respeitan nin iso”.

 

Sinten especial preocupación porque os seus fillos reparen na crúa realidade na que viven. “Eles saben que algo pasa. Antes ían polo supermercado e querían calquera cousa e a comprabas. Podían elixir que merendar, ir a unha excursión do colexio, que hoxe custa pagala. Nos regalos de nadal, na roupa, as diferenzas que ven cos compañeiros de clase...”, conta José Manuel.

 

Axudas que non chegan

 

O mesmo ocorre coa Xunta e a xestión da Renda de Integración Social de Galiza (Risga). Nunha recente reunión, a ODS de Coia constatou que o pagamento dende xaneiro retrasara varios meses por un “problema administrativo”, segundo lle refiren no departamento.

 

“Todos os comezos de ano pasa o mesmo. Nunca chegan os cartos. Dinnos que depende de Santiago. Iso provoca que xente que a ten aprobada non cobre e que non se produzan novas altas. Só se dan cando se produce unha baixa”, aclara Diego Lores. “Queren dar a aparencia de que cumpren, pero non teñen ningunha sensibilidade social”, engade o párroco.

 

A obtención dunha Risga implica ademais dar contas de, mesmo, cuestións íntimas da vida das persoas. Por exemplo, notificar se alguén vai vivir no teu domicilio. Para Lores, estas axudas están pensadas como “unha forma de control social dos sectores máis empobrecidos que produce o capitalismo”.

 

Abrése ao final da última xuntanza o debate sobre sumar esforzos, de aumentar a presión na rúa. Algúns apelan á falta de apoios na sociedade civil, outros á desunión das plataformas sociais ou a demonización das organización críticas. “Aínda que sexamos poucos, é unha pinga que cae continuo e acabará callando”, sentencia Emilio.

 

Cansos de compaixón e caridade, as persoas que pasan pola ODS de Coia están dispostas a loitar polos seus dereitos e os de todos. O dereito a vivir con dignidade, a ter cubertas as necesidades máis elementais, a unha renda básica universal. En definitiva, a non caer no olvido e a exclusión, o lugar cara á onde lles empurran as institucións, as mesmas que dan as costas a milleiros de galegas e galegos que viven hoxe na pobreza.

 

Esta reportaxe apareceu no número 51 do A Fondo, o caderno de análise do Sermos. Foi publicada conxuntamente co semanario -número 81- en 23 de xaneiro de 2014.