CRTVG defende a sanción a un traballador a pesar de ser anulada pola xustiza
A Comisión parlamentar de control da Corporación Radio Televisión da Galiza (CRTVG) acolleu esta sexta feira un debate sobre a anulación pola xustiza dunha sanción da compañía a un traballador, Carlos Jiménez, polo que compañeiros do emprego e colectivos Defeebde a galega cualificaron como "represalia" por participar nos Venres Negros.
Un Xulgado de Compostela anulaba en decembro a sanción de suspensión de emprego e soldo por nove días que a Corporación Radio Televisión da Galiza (CRTVG) impuxera en 2019 ao locutor Carlos Jiménez. A empresa acusábao de incorrer nunha incompatibilidade laboral que o xulgado non apreciou. A sentenza, aliás, apuntaba a que a sanción fora unha "resposta" á participación do traballador nas mobilizacións de Defende a Galega e mais aos diversos xuízos que gañara á CRTVG no eido laboral.
Mais esta sexta feira, Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Compañía, defendeu na comisión a sanción imposta ao traballador, indicando que esta respondía a unha cuestión estritamente "laboral", negaba que a decisión da empresa respondese a unha intención "represiva" e confirmaba que CRTVG recorría esa sentenza.
Mais as explicacións de Sánchez Izquierdo non convencían á oposición. Tanto BNG como PSdG cuestionaron o proceder da compañía.
Dimisión
O BNG esixiu no Parlamento galego a través da deputada Alexandra Fernández a dimisión do director xeral pola sentenza xudicial do Xulgado do Social de Compostela.
“As actuacións tomadas pola dirección, que son un feito probado, denigran a imaxe e a credibilidade da Corporación; vai vostede a dimitir do seu cargo para que a CRTVG e a súa imaxe se salvagarden”?, cuestionou a parlamentar nacionalista dirixíndose a Sánchez Izquierdo .
Logo de recriminarlle que defendendo posicións que acaban de ser censuradas pola xustiza, a deputada nacionalista reclamou a retirada do recurso presentado polo ente público contra a sentenza. Pola súa parte, a deputada socialista Noa Díaz afirmou que “esta sentenza é o triunfo da loita contra a manipulación informativa” no ente público. Criticou, ademais, as “políticas de manipulación informativa, que vostedes non paran de negar”. Díaz lamentou que as traballadoras e traballadores da CRTVG teñan que recorrer “continuamente” aos xulgados para “garantir” os seus dereitos fundamentais.