Cualifican as condicións da base do 061 de Celanova de "terceiromundistas"

Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)
FS-TES di que no lugar alcánzanse os 35 grados

O sindicato FS-TES denunciou esta segunda feira que as persoas que traballan na ambulancia de emerxencias do 061 en Celanova (Terra de Celenova), adxudicada en réxime de concesión a Ambulancias Encarnación S.L., están situadas nunha base con "condicións infrahumanas, sen calefacción nin aire acondicionado", nunha contorna que cualificaron de "terceiromundista".

Nun comunicado, o sindicato lembrou que os valores térmicos nesta zona no ano 2023 variaron entre os 36,8 graos de máxima e os -2,6 de mínima, algo que o persoal afronta, afirman, sen aire acondicionado nin calefacción.

De 35 a 0 graos

"Non se pode descansar nun lugar que está a máis de 35 graos ou por baixo de 0 graos, polo que as persoas traballadoras que soportan esas temperaturas non van poder desempeñar o seu traballo en condicións óptimas cando sexan requiridos para realizar un servizo de emerxencia", sinala o sindicato, que apunta que, ademais que aos traballadores e traballadoras, esta situación "está a pór en risco a saúde dos pacientes asistidos polo 061".

En relación a esta cuestión, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 lembrou que as condicións ambientais nos centros de traballo é "responsabilidade exclusiva" das empresas concesionarias deste servizo. 

A Fundación, engadiu, realiza periodicamente inspeccións nos centros de traballo das unidades asistenciais de soporte vital básico e avanzado para realizar seguimento do contrato de prestación de servizo.  

O incumprimento de condicións e compromisos estabelecidos nos contratos, como consecuencia, "suporá a imposición das correspondentes sancións administrativas, conforme o recolleito no contrato".