Esta cuarta feira comeza o inverno. Explicámosche todo o que precisas saber

A estación de inverno de Cabeza de Manzaneda. (Foto: Europa Press)
Ás 22.48 horas desta cuarta feira dará comezo oficialmente a estación do inverno. Grazas ao profesor José Ángel Docabo coñecemos todas as curiosidades sobre a estación máis fría do ano.
  1. Duración
  2. Hora oficial
  3. Poderemos observar outros planetas?
  4. Eclipses

O inverno boreal comeza esta cuarta feira día 21 de decembro ás 22.48 horas. A estación vaise prolongar até o 20 de marzo ás 22.24 horas, momento no cal botará a andar a primavera.

Duración

A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración: 88,98 días, fronte aos 89,86 do outono; 92,75 da primavera e os 93,66 do verán.

O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese momento a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) “o que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de nove horas na nosa latitude”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Ángel Docobo.

“Porén, as tardes xa comezaron a medrar desde o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando até o 6 de xaneiro”, engade o profesor Docobo.

Hora oficial

Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado ‘Sol medio’, punto que vai reproducindo as posicións medias do Sol ao longo do ano dado que este último desprázase aparentemente con velocidade variábel.

Na noite do 3 ao 4 de xaneiro vaise producir o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas (con radiante perto da Osa Maior), e neste último día tamén pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol (147 millóns de quilómetros).

Poderemos observar outros planetas?

Mercurio vai estar en boas condicións para poder ser observado a simple vista no amencer a finais de xaneiro e comezos de febreiro, mentres que Venus será visíbel logo do solpor.

Os planetas Marte e Xúpiter poderanse contemplar durante boa parte da noite deste inverno, mentres que Saturno poderase localizar após o solpor até mediados de febreiro, pasando logo ao amencer.

 “Nesta nova estación haberá tamén interesantes conxuncións”, continúa o profesor Docobo. Así, entre o 23 e o 27 de xaneiro, a Lúa, Saturno, Venus e mais Xúpiter estarán aliñados logo do solpor.

O 22 de febreiro, serán a Lúa, venus e Xúpiter os que se poñan á vez cara ao suroeste, e o 2 de marzo, ao comezo da noite, Venus e Xúpiter estarán nunha conxunción fechada (< 1º).

Eclipses

Non haberá ningunha eclipse neste inverno. Con todo, o cometa C/2022 E3 (ZTF) poderá verse con prismáticos xa este mes desprazándose pola constelación da Serpe cara á Coroa Boreal.

A súa magnitude actual aínda é baixa (9.1), pero a medida que se achegue á Terra vai ir gañando brillo e a finais de xaneiro podería ser observado a simple vista na constelación circumpolar de Camelopardalis, culminando a comezos da noite.