Aventeira organiza unha 'Ruta fronte aos Discursos de Odio' pola Galiza, León e Asturias

Inicio da ruta, este sábado 17, en Moaña.
As participantes son mozos e mozas activistas ou voluntarias en distintas entidades, e a súa procedencia é moi variada, -a Galiza, Madrid, a Comunidade Valenciana, Euskadi, Asturias, Estremadura, Andalucía ou Canarias.

Este sábado 17 de agosto daba comezo en Moaña a primeira etapa da Ruta fronte aos discursos de odio, unha iniciativa de Aventeira S. Coop Galega na que 25 mozos e mozas, de entre 18 e 29 anos, de todos os recunchos do Estado, coñecerán de primeira man a realidade de 8 agrupacións, colectivos ou poboacións que servirán como referente para combater os discursos de odio e camiñar cara ao desenvolvemento sostible.

En Moaña, acompañados pola asociación A illa dos ratos, coñeceron a realidade das mulleres do Morrazo e a súa importancia para o desenvolvemento económico e social da vila ao longo do último século. O domingo 18 chegaron a Castrelo de Miño, para falar coa veciñanza sobre o conflito que supuxo nos anos 60 a construción do encoro. A ruta continuará despois, pasando por Casaio, Pena Trevinca, Arcahueja (León), Llangreu (Asturias), Lourenzá e Monterroso, para ter o seu peche en Santiago de Compostela o día 26 deste mes.

Os e as participantes son mozos e mozas activistas ou voluntarias en distintas entidades, e a súa procedencia é moi variada, -a Galiza, Madrid, a Comunidade Valenciana, Euskadi, Asturias, Estremadura, Andalucía ou Canarias. Acoden a esta actividade co obxectivo de tecer rede, aprender das experiencias que aquí se deron ao longo do tempo e tamén desenvolver ferramentas organizativas e prácticas que lles podan servir no seu activismo como axentes transformadores da sociedade.

Ademais dos distintos actos, entrevistas, formacións e rutas interpretativas que teñen por diante, complementarán estes 10 días de actividade con opcións de lecer activo e desfrutando da gastronomía, a cultura e as paisaxes que lles ofrece o norte peninsular.