Superados os 6.000 casos activos de Covid e rexistrados case 600 contaxios nunha xornada

Cola para facer test de coronavirus (Foto: Europa Press)

Hai 342 persoas hospitalizadas, e 57 na UCI

Poucos dados para o optimismo os que deixa a Covid na Galiza. Un aumento importante en casos activos e en contaxios que se produce após as ‘relaxacións’ polas festas natalicias, coa relaxación de restricións e permisos para a mobilidade.

Galiza xa supera os 6.000 casos activos de coronavirus ao sumar 413 na última xornada. Son xa 6.404 casos. Deles 1.377 son da área da Coruña, 575 da de Lugo, 734 da de Ourense, 743 da de Pontevedra, 1.146 da área de Vigo, 1.442 da de Santiago, e 387 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 57 están en UCI, 342 en unidades de hospitalización e 6.005 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 57.925 persoas curadas, rexistrándose 1.427 falecementos, 6 deles na última xornada.

En canto a contaxios, na última xornada houbo case 600, en concreto 590 casos confirmados por PCR. É das cifras máis altas desta segunda vaga do coronavirus.

Por áreas sanitarias, a da Coruña-Cee é a que rexistra un maior número de novos casos detectados por PCR, con 166 -95 máis-. Cifras que sitúan o total de casos activos en 1.377.

Na de Santiago-Barbanza detectáronse 133 novos positivos -96 máis que 24 horas antes-, que sitúan o total de activos en 1.442. Pola súa banda, na de Vigo hai 90 novos contaxios detectados por PCR, 61 máis que un día antes, e os enfermos sitúanse en 1.146.

Así mesmo, na área de Ourense notificáronse 67 contaxios -15 máis- e os pacientes coa enfermidade elévanse a 734. Por detrás, na área de Ferrol hai 52 novos positivos -29 máis- e 387 casos activos. Por último, na de Pontevedra hai 29 novos contaxios confirmados por PCR -11 menos-, que deixan os casos activos en 743.