O DEBATE | O anuncio da UE de rebaixar a protección do lobo ten efectos para a Galiza?

Exemplar de lobo. (Foto: CSIC)
A Unión Europea anunciou esta semana que pasará de cualificar o lobo como especie "estritamente protexida" a "protexida". Que impacto tería isto na Galiza? Debaten sobre esta cuestión para 'Nós Diario' o biólogo Martiño Nercellas e o presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega, Jacobo Feijóo.

Martiño Nercellas, biólogo e estudoso do lobo na Galiza

Con relación o lobo e a súa regulación normativa de protección a nivel Europeo, novamente asistimos esta semana a un intento da dereita europea  de propiciar un cambio na rebaixa de protección da especie. E novamente, porque xa levan elevado a mesma proposta ao Convenio de Berna por varias veces e, sempre,  con resultado infrutuoso.

Lembrar que xa foi elevada a mesma proposta no 2004, no 2019, e a última no 2022, sempre co mesmo ditame. O mais prudente é agardar que volve dicir Berna, e non dalo por feito. A Unión Europea, para propiciar a rebaixa de protección do lobo, e cambialo de categoría, pásalo do Anexo II " protección estrita" ao anexo III " protección" , precisa que a comisión científica do Convenio de Berna xustifique, "sobre a base dos datos actuais" de cada Estado, que dito cambio obedeza a criterios científicos e da conservación.

As institucións da Unión Europea, tanto Comisión Parlamento coma Consello, saben que o cambio está supeditado ao aval científico de Berna, e a proposta  choca por enésima vez cunha resolución científica que non ten pinta que polo de agora mude de criterio en decembro, que é cando se realizará a 45 asemblea de Berna.

Haberá que agardar a dito informe, é o único que vale. Coma reflexión,  deberíase tomar nota dende as administracións rexionais até as europeas, centrarse en minimizar ou paliar as circunstancias que levan a que os informes científicos e resolucións do Comité Científico de Berna, ditaminen ( sempre que se lles pide dita revisión ) que o estado de conservación do lobo non é favorábel e que, polo tanto, non cabe rebaixa algunha de protección. Iso debería de ser a liña de traballo, tanto para a conservación da especie como para acadar niveis  óptimos de convivencia coa gandaría europea. Ademais, dito cambio normativo a nivel europeo, de ter lugar, non tería ningún recorrido no Estado español. Non é unha decisión executiva. O Estado español xa ten o lobo en Berna na categoría de "unicamente protexido" dende o ano 1986, que é a categoría que agora se pide para toda a Unión Europea. 

"Hai un intento da dereita europea de propiciar un cambio na rebaixa da protección do lobo"

No Convenio de Berna  sentan todos os países da UE (27), a Comisión Europea, e outra vintena máis, países que europeos que non son da Unión Europea e incluso países  de África. No caso de que o Convenio de Berna mudara de criterio, despois tocaría mudar o brazo legal europeo, a Directiva de Hábitats, cunha elevada complexidade aos cambios pois precisa  unanimidade por parte da Unión.

Polo de agora non muda nada, e pode tardar, moito en que así fóra. Lévase 20 anos así. A primeira vez foi no 2004. Isto so xera unha confusión xeneralizada, a tódalas partes (gandeiros, políticos, prensa, a rúa en   xeral) , pois ao final aliméntase o desconcerto de información sobre este problema e a percepción  coa convivencia coa gandaría. 

En fin, lamentablemente para o lobo, a súa conservación, pero tamén para as explotacións gandeiras, este modo de actuar, de moito ruído e poucas solucións reais, pouco axuda, e sería ben tratalo co rigor e responsabilidade, e sobre a base que proporciona o coñecemento científico e non o calculo de votos.


Jacobo Feijóo, presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega

En Galicia o lobo nunca foi perseguido polos habitantes do rural co ánimo do seu exterminio. Exterminio que tería sido moi fácil nun territorio tan humanizado como o noso, cunha aldea ou vila cada 100 hectáreas. E hoxe Galicia con 93 mandas de lobos censadas, ten máis exemplares que países como Francia, Portugal ou Suecia, país onde se planea reducilos á metade mediante caza sistematizada.

Hoxe coma onte, o lobo non está en perigo en Galicia, e ninguén avoga pola súa extinción ou desaparición, senón que avoga pola convivencia ordenada coa actividade gandeira, e co control dos riscos potenciais que pode ter para a poboación.Hai que apoiar os gandeiros en extensivo e ecolóxico, os máis expostos ao ataque do lobo polo tipo de manexo do seu gando, para que poidan tomar medidas preventivas e compensar os custes que ten o manexo dos rabaños nas zonas de presenza lobeira. 

Eses aumentos de custes son considerables respecto das zonas e rexións da Unión Europea onde o lobo non está presente, e non precisan de horas extras de supervisión dos animais no monte, cans de protección, instalacións de recollida do gando, ou medidas extraordinarias de manexo para a protección dos partos dos animais, por citar exemplos.

Hai que compensar o gandeiro os danos directos e indirectos producidos polo ataque do lobo. Tanto as reses mortas polo seu prezo real de mercado, como pagar os danos colaterais e o lucro cesante dos ataques aos animais, como os abortos por estrés, ou a perda de produción de leite. E estas axudas teñen que ser áxiles na súa tramitación, sen atrasos nos pagos.

"O lobo non está en perigo na galiza e ninguén avoga pola súa extinción, si pola convivencia ordenada"

Hai que darlles unha saída aos gandeiros e criadores de cabalo galego de monte, que en moitas zonas sofren o exceso de predación do lobo sobre os seus poldros, o que impide xa non a rendibilidade da actividade, senón ata o natural reemprazo das bestas. 

Explorar as posibilidades da alimentación disuasoria do lobo, utilizando restos de reses mortas, ou mesmo restos de xabarís abatidos nas accións de caza, pode ser unha forma de aliviar os ataques sobre as explotacións e os cabalos en determinadas épocas do ano.

E non hai que renunciar á caza puntual de exemplares, algo que permite tanto a inclusión do lobo no catálogo LESPRE como o Plan de Xestión do lobo, cando baixo criterios científicos e técnicos sexa aconsellable en casos de acosos reiterados a explotacións gandeiras, ou cando os ataques aos cans ou gando na proximidade das casas así o poidan aconsellar.

Non hai que esquecer a verdade incómoda de que o lobo é un animal depredador con instintos de caza, e que pode chegar a atacar a ser humano. Non hai que desprezar os riscos do achegamento do lobo ás casas en determinadas zonas de Galicia.

Están pois dispoñíbeis todas as ferramentas para garantir unha axeitada xestión. O seu uso intelixente, sen dogmatismos, está aberto para que o lobo siga a ser esa presenza, que nunca faltou na natureza galega, sen ser unha carga insoportable para a gandeira extensiva nin un risco potencial para a poboación. De nós depende o acerto en que así siga sendo de cara ao futuro.