O DEBATE | Como é a situación do sistema educativo na Galiza neste comezo de curso?

Inicio do pasado curso escolar nun colexio de Compostela. (Foto: Arxina).

Jesús Álvarez e Xesús Bermello debaten sobre a situación actual do sistema educativo na Galiza coincidindo co comezo do curso escolar.

 

Jesús Álvarez, director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta da Galiza

O vindeiro mércores arranca un novo curso escolar que, como cada setembro, constitúe un reto para equipos directivos, docentes, alumnos e familias. E tamén para o Goberno da Xunta, que ten por diante a responsabilidade de levar á practica a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos trinta anos. Unha transformación sen precedentes que comeza agora e que emprendemos, desde Galicia e para Galicia, para dar resposta a novos desafíos demográficos, sociais, tecnolóxicos, laborais e arquitectónicos.

Un dos piares desta transformación é a posta en marcha da folla de ruta planificada e blindada no acordo histórico asinado hai un ano con tres das catro organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial Docente, que ten efectos inmediatos nas aulas galegas desde xa e cuxa transcendencia iremos comprobando ano a ano nos próximos cursos, grazas á aplicación progresiva e proporcional do amplo abano de medidas que inclúe. De feito, pese a que este curso imos ter 4.000 alumnos menos matriculados en Infantil e Primaria, Galicia terá máis aulas e máis profesorado. Esta mesma semana veñen de incorporarse 1.256 profesores que acadaron unha praza nas oposicións deste verán.

Unha das novidades máis significativas é a redución de 25 a 20 alumnos por aula que comeza a aplicarse xa en 4º de Infantil, mellora que se irá estendendo paulatinamente o resto dos cursos e etapas. A repercusión destas novas rateos queda reflectida na blindaxe de 204 aulas este curso que coas vellas rateos terían que pechar por falta de nenos, cifra que se elevará a 900 aulas nos vindeiros tres anos. É de xustiza lembrar que xa eramos unha das comunidades con mellores rateos de España e seguimos avanzando chanzos neste senso logo da oportunidade perdida coa nova lei educativa estatal.

Outra medida pioneira a nivel estatal, coa que non conta ningunha outra comunidade autónoma, é a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais, que pasa a contar dobre ou triplo en función da súa situación. Isto tradúcese, de xeito automático, nun reforzo do profesorado, con ata 400 docentes adicionais a través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, que vimos de dotar con máis de 77 millóns de euros para os próximos catro cursos. A isto engádense decisións a prol do noso rural como a de manter abertos centros rurais con cinco alumnos pese a que o mínimo marcado é de seis.

Cómpre dedicarlle unha atención preferente ao noso profesorado, a peza clave que garante a mellor formación e que sitúa o noso sistema educativo nas mellores posicións de España e por riba das medias internacionais. Un sistema educativo mídese pola calidade dos seus docentes. E Galicia ten moita sorte. Por iso, recompensamos o seu traballo con incrementos salariais que xa veñen percibindo desde xaneiro; adaptamos o horario lectivo dos mestres para que dispoñan de máis tempo para outras tarefas, e traballamos na redución da carga burocrática, unha cuestión moi demandada polos equipos directivos. Estamos abordando cambios de calado que debullan xa o ensino galego das vindeiras décadas. Ese é o compromiso da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.


Xesús Bermello, secretario nacional da federación de Ensino da CIG

Dentro das múltiples campañas e mobilizacións encetadas pola CIG-Ensino nos últimos anos, o sindicato maioritario marcoulle á Consellaría en 2022 o reto de mudar o rumbo da política educativa. A necesidade de dar unha viraxe ás medidas aplicadas desde a chegada de Feijóo ao poder era imperiosa tanto desde a perspectiva dos dereitos do profesorado como do propio futuro do ensino público galego.

Mudar o rumbo implicaba reducir o horario lectivo para recuperar os dereitos arrebatados polos Gobernos do PP, nunha aposta por dignificar a función docente e rematar coa vergoña de convertérmonos no colectivo con maior carga docente do Estado. Tamén se puña o foco na necesidade de aplicar unha redución xeneralizada das ratios escolares e na redución da burocracia, a nova lacra á que se enfronta o profesorado. Mellorar a atención á diversidade, con maior dotación de persoal especialista en todos os centros e ampliar os cadros de persoal eran, entre outros, algúns dos puntos que centraron aquela campaña.

Dous anos despois, cunhas eleccións sindicais polo medio, na que todos os sindicatos colleron como bandeira as medidas demandadas pola CIG-Ensino, e tras un vergoñento acordo asinado por Rueda cunha minoría sindical, contestado nas rúas e nos centros educativos, a Consellaría amosa agora a única novidade salientábel para esta lexislatura: o reforzo da propaganda e as mentiras sobre o presente e o futuro da educación pública no país. Todo para tapar a inercia, a falta de iniciativa e compromiso co ensino público.

Non hai camiño novo para o profesorado se a todo o colectivo non se lle restitúe o seu horario lectivo previo ás duras políticas do PP en materia de persoal: 21 horas en Infantil e Primaria e 18 en Secundaria e outras ensinanzas. Deixar tirado o persoal docente significa manter o camiño vello xa trazado. Dividir o profesorado e pretender contentalo cunha esmola retributiva (e agora tamén segregadora) é a vella escola do PP na Consellaría.

Non hai camiño novo se a redución das ratios se aplica como unha medida “natural" de adaptación ao devalo demográfico e a conseguinte baixada de matrícula, estendendo a redución en primaria a nove longos cursos ou deixando aparcada a urxente redución de alumnado nas aulas que precisa especialmente a ESO, así como o Bacharelato, FP e outras ensinanzas. Non o hai tampouco se a redución de ratios en aulas con alumnado con discapacidade ou dependencia non se aplica nin sequera como se comprometeu nin se desdobran aulas no medio rural que agrupan alumnado de diferentes cursos.

Non hai camiño novo se non existen medidas que reduzan a burocracia e reforcen a práctica docente. Actualizar aplicacións informáticas ou mellorar procedementos -sen dotar de máis profesionais non docentes os centros nin reforzar o tempo de xestión a direccións e cargos de coordinación- é camiño trillado.

Non hai camiño novo se a privatización do ensino segue sendo bandeira do Goberno, agora especialmente na FP, mentres se limita o medre do público; mentres se pechan aulas e se manteñen concertos en etapas non obrigatorias.

Só cun cambio de rumbo pode haber un novo camiño, cun profesorado protagonista e coa ollada posta no alumnado: máis docentes, menor horario lectivo, menos burocracia e ratios reducidas. Para todas e todos: xa e sen excepcións.