O debate: Debe de financiar a Administración pública o ensino concertado?

(Foto: Europa Press)
O inicio do curso escolar volver pór en primeira plana o debate sobre o ensino concertado e o seu financiamento con fondos públicos.

Pública e concertada

Suso Bermello, Plataforma galega en defensa do ensino público

O Estado español é, neste momento, o que ten unha maior porcentaxe de centros concertados, por tanto, privados sostidos con fondos públicos, de toda a Unión Europea. No conxunto desta, España destaca cunha diferenza de 15,6 % por debaixo da media do papel da rede pública de centros de ensinanza primaria e secundaria. A última cifra divulgada polo Eurostat, con datos de 2021, situaba a rede pública no Estado por debaixo do 70% (un 69,3%), seguido moi de lonxe por Francia, cun 78,9% de centros públicos. Superando a media europea (84,9%) están Estados como Países Baixos, Italia, Grecia ou Alemaña, todos por riba do 90%.  Mais, se España destaca pola menor porcentaxe de centros públicos e igualmente salientábel que dentro dos centros privados a total primacía sexa daqueles que reciben fondos públicos a través dos concertos: un 26,6% fronte ao 5,6% dos privados sen concerto. 

O feito de compararmos sistemas educativos dun mesmo marco político de economías liberais gobernadas por partidos socialdemócratas, socioliberais ou conservadores permite contemplar a situación que se dá no conxunto do Estado, e tamén en Galiza, como unha anomalía que parte da situación educativa durante o franquismo, cun papel determinante da Igrexa Católica e que se consolida e blinda na transición durante o primeiro goberno de Felipe González. Só tendo en conta a armazón xurídica e constitucional que se instala para crear os concertos se pode entender a relevancia dos centros concertados no noso sistema educativo. Que máis do 60% dos centros concertados dependan de entidades relixiosas é outro dato relevante que axuda a entender todo. A educación, como elemento fundamental dunha sociedade debe garantir, sempre e en todo caso, que o alumnado poida cursar os estudos obrigatorios de xeito gratuíto. A perversión dos concertos educativos foi pasar do carácter complementario ou subsidiario que o ensino privado tería que prestar alí onde a rede pública non tivese recursos abondo para garantir o ensino obrigatorio con carácter universal a un concepto marcadamente liberal de dupla rede sostida con fondos públicos, no que non se fixa ningún tipo de prioridade á hora de abrir ou pechar centros.  Todas as políticas relativas á titularidade dos centros, viñeran de gobernos do PSOE ou do PP, cunha dereita que sempre aproveita para dar máis pasos na privatización, parten de respectar esa herdanza da transición. 

Por iso non se aplican políticas de construción de novos centros públicos nos centros das cidades ou naquelas áreas nas que a concertada está instalada (sempre nas que hai demanda escolar e, por tanto, negocio e case nunca no rural ou en zonas deprimidas socialmente).  Se partimos da premisa de que as familias deben ter dereito a escolarizar as súas crianzas onde quixeren (un tema que dá tamén para o debate), o que non debe permitir un goberno é que fondos públicos se destinen a entidades privadas. De partida en ningún caso debe existir financiamento público nos niveis educativos non obrigatorios (como é o caso de Infantil 0-3 ou FP na Galiza e do Bacharelato nalgunha comunidade como Madrid que é desde hai anos o laboratorio que debemos observar para coñecer a estratexia privatizadora do PP a longo prazo).  En segundo lugar, tampouco naqueles ámbitos nos que existe oferta pública suficiente para, en último caso, perseguir a extensión gradual dunha rede pública que conduza a rematar co financiamento de centros privados que deben ser sufragados por quen os elixa. Pechar aulas en centros públicos mentres se manteñen nos privados concertados dunha mesma área de influencia é a débeda que pagamos aínda hoxe. Ampliar a rede pública até garantir a escolarización de toda a poboación escolar nela debe ser a guía dos gobernos. As familias poden decidir mais o Estado ten que priorizar.

 


Un ensino que beneficia a todos

Luisa Garcia

Asociacións de centros

O artigo 27.3 da constitución española garante o dereito dos pais e nais para elixir a educación en valores que desexan para os seus fillos.  A variedade de enfoques educativos supón unha riqueza cultural e humana, a variedade en educación é garantía de pluralidade ideolóxica e isto é o que corresponde a unha sociedade democrática.

A educación concertada favorece a liberdade de elección a familias con poucos recursos. Se non existise, a posibilidade de elección dun modelo educativo estaría supeditada á renda. A existencia de diversos modelos aviva a competencia e a capacidade de mellora entre centros educativos. Os pais e nais son os responsables da educación dos fillos e o Estado é responsable de crear un marco que favoreza esta tarefa. Cada un ten o seu espazo de actuación, todos deben ser respectados e todos deben traballar para responder á demanda existente de maneira efectiva.

O alumnado da educación concertada aumenta no Estado. Lonxe de parecer unha mala noticia, é excelente porque se algo pon de manifesto este feito é o éxito dos seus xestores e xestoras, e o bo facer das administracións para facer fronte ás necesidades educativas da sociedade. Interesa unha educación de calidade, xa sexa pública ou concertada. Somos moitas as persoas que defenderemos isto ata as últimas consecuencias.

Liberdade

Por que limitar a liberdade dos pais para elixir o tipo de educación que queren para os seus fillos? Por que ver na escola concertada unha ameaza, e non unha achega positiva á nosa realidade social? Por que non respectar, valorar e alentar a diversidade? Por que impoñer un determinado proxecto educativo?

A educación concertada crece e supón no Estado 25% do alumnado total non universitario. E as subvencións que recibe, con todo, só equivalen ao 18% do gasto público no total de ensinos non universitarios. O financiamento público non cobre o custo real da concertada, dotándoos de menos diñeiro que á educación pública. 

Quen queira educación concertada, xa a paga cos seus impostos; e absolutamente calquera persoa ten dereito a elixir unha educación pública ou concertada, gratuíta e de calidade. Co que a educación concertada recibe de todos os petos e se esta non existise, imaxínanse canto empeoraría a pública se tivese que absorber 2 millóns máis de alumnos que hoxe cursan os seus estudos en colexios concertados? Para a política, ata que non se equipare o investimento entre a educación concertada e pública, é un negocio redondo, garanten o dereito de poder elixir centro e ademais afórranse millóns que tería que desembolsar se na pública tivésese que atender os alumnos que actualmente están na concertada, todo iso sen contar que se tería que levar a cabo o investimento para a construción de novos colexios para absorber ese incremento de alumnado

A polémica entre educación concertada e educación pública xamais debeu existir. Hai alumnos que reciben a súa educación baixo un sistema ou outro, e que deberían perseguir os mesmos obxectivos; formar persoas con criterio e capacidade de decisión e a excelencia académica. Cada centro de educación concertada é unha alternativa máis (nin mellor nin peor, só diferente) que enriquece a oferta educativa.