O DEBATE | Ten sentido manter unha proba selectiva como a ABAU?

Estudantes durante as probas da ABAU a pasada terza feira na Facultade de Ciencias Comunicación da USC. (Foto Arxina).

13.448 estudantes enfrontaron esta semana as probas da ABAU. A profesora Ana Iglesias e o estudante Artai Gavilanes debaten sobre a súa conveniencia.

A ABAU: un mal necesario

Ana Iglesias. Profesora da área de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Vigo

Vivimos nunha sociedade moi competitiva, onde resulta unha utopía que todos os cidadáns dispoñamos das mesmas oportunidades. De feito, a ansiada mobilidade social vese moi resentida nos tempos actuais e a vida de moitos nenos e nenas está marcada por diferentes factores, alleos ás súas capacidades e incluso esforzo e traballo persoal. Neste marco, precisamente a proba única de acceso á universidade, a ABAU, xorde como unha ferramenta de tratamento igualitario. Un mesmo exame para todos os galegos e galegas, xunto ao anonimato das probas, garanten que na cualificación non inflúa ningún tipo de nesgo en función das características do alumnado, máis alá do nivel de corrección dos exercicios. Ante a ABAU, todos e todas somos iguais e debemos demostrar os mesmos coñecementos e competencias.

Por suposto, isto agocha traxectorias persoais moi dispares ata acadar esa meta, nas que atopamos rapaces e rapazas con ambientes vitais que favorecen o estudo, desde o punto de vista afectivo, económico ou mesmo pragmático, como dispoñer dun espazo adecuado para estudar; fronte a outros que, nalgúns casos, estudan a pesar dos obstáculos que os rodean. En todo caso, a ABAU si anula esoutras posibles diferenzas provocadas polos distintos baremos e niveis de esixencia dos múltiples docentes e centros educativos.

Porén, estas características, que constitúen a súa principal virtude, poden converterse nunha eiva, se o procedemento de elaboración, execución e corrección dos exames non se leva a cabo co máximo rigor e profesionalidade, ademais das condicións adecuadas. De aí a enorme dificultade de aplicar con éxito unha proba destas características. Neste sentido, polo menos en Galicia, o proceso semella que alcanzou un grao elevado de sistematización, que garante bos resultados, pero que podería mellorarse, sobre todo nun dos seus elementos clave: o proceso de corrección. En relación con isto, como coordinadora da materia de Lingua galega e literatura estes últimos catro anos, coñezo de primeira man as condicións nas que o profesorado ten que levar a cabo esta tarefa: cunha cantidade de exames moi elevada para un tempo limitado, con remuneración económica escasa e tendo que realizar este traballo extra de forma simultánea ás súas funcións habituais, sexa como docentes de secundaria ou universitarios. Isto, sen dúbida, pode redundar nunha menor calidade dun proceso selectivo que resulta de tanta importancia para o futuro dos nosos estudantes. Ademais, o proceso de corrección aínda debe ser máis coidado se, como parece, imos tender cara a modelos cada vez máis competenciais, modelos que xa se empregan actualmente en varias materias e cos que estou de acordo, pero que supoñen o risco dun maior grao de subxectividade na corrección. Por isto, insisto na necesidade de garantir a calidade do proceso correctivo, mellorando a situación dos correctores e correctoras e afinando o máximo posible os criterios de corrección. En todo caso, considero necesario aclarar que as competencias necesarias neste nivel han de estar dotadas de contidos, polo que tamén me parece perigoso malinterpretar o significado de “exame competencial”. E si, considero que, para a formación integral dun futuro médico ou médica, pode ser moi útil ler A Esmorga ou El lector de Julio Verne.

Por último, quería incidir na necesidade de aprendermos, tanto alumnado, como profesorado e familias, a relativizar a transcendecia da proba. Sen pretender restarlle relevancia ao feito de estudar un grao ou outro, considero que a presión existente hoxe en día é excesiva, froito desa sociedade competitiva á que me refería no inicio do artigo, na que valoramos as persoas, e os propios graos, ante todo a través de criterios cuantitativos.


As estudantes somos máis que unha nota

Artai Gavilanes. Responsábel de organización de Erguer, Estudantes da Galiza

O actual modelo de selectividade, as probas ABAU, son unha traba máis no acceso á universidade, carente de todo sentido e que afecta moi negativamente as estudantes. Unha proba que contamina todo o curso de segundo de Bacharelato e que nos consome durante un ano enteiro da nosa xuventude. Como non imos estar en contra dun exame antipedagóxico, que nos vende a idea dunha falsa meritocracia, ocultando as desigualdades sociais, e obrigándonos a competir para ver quen vomita máis contidos en tempo récord? Como non imos estar en contra dun modelo que xera unha presión fortísima sobre a nosa saúde mental e que nos impide aprender doutros aspectos importantes para a vida? Cantas xeracións máis van ter que aguantar este modelo inxusto?

É un modelo antipedagóxico porque está centrado na capacidade memorística e en recordar en tres días os contidos de todo un curso, que vai a un ritmo desproporcionado. Non ten nada de pedagóxico dicirnos que o que facemos en tres días conta máis que o que fixemos en dous anos, lembremos que contando as ponderacións, a ABAU supón ate 8 puntos sobre 14. É antipedagóxico porque pon en mans dunha única proba e de persoas alleas ás realidades de cada estudante o noso futuro, reducíndonos a un código de barras; sen ter en conta as nosas particularidades (económicas, persoais, de aprendizaxe...). Que ten de pedagóxico isto?

É un muro no acceso aos estudos superiores que só serve para segregar en función da nota en diferentes grados. Unha proba elitista e deshumanizadora que di que o noso valor como persoas responde só á nosa nota, deixando claro que o ensino superior non é para todas e ocultando as diferenzas sociais entre as estudantes (as que traballan, coidan, teñen menos recursos). Estas desigualdades afectan ás oportunidades educativas e xeran máis presión sobre as estudantes.

Existen determinadas carreiras con prazas limitadas, se tes certa nota podes entrar, senón non. Isto non fomenta ningunha aptitude, só a competitividade propia do sistema capitalista. Por que permitimos que unha proba que só nos avalía por un tipo de capacidade (retención memorística) decida o noso futuro? Porque aceptamos ser tratadas como máquinas sen creatividade, sen ideas, sen espírito crítico, sen capacidade de razoar, sen sensibilidade?

Moitas veces neste debate apúntase a falsa idea de que a selectividade serve para equilibrar aos institutos públicos e privados (que moitas veces “inflan” as notas), de novo o engano dunha suposta meritocracia. Primeiro porque as estudantes de escola privada contan co máis facilidades para enfrontarse a estas probas (aulas de apoio, centros con mellores dotacións, máis recursos, etc.) e segundo porque o debate de fondo é outro. As probas da ABAU son un parche máis para tapar a lamentábel situación do ensino público no noso país: falta de recursos, privatización e externalizacións. Mentres seguen as vergoñentas axudas, cada ano maiores, cara o ensino concertado. Quizais ese é o problema, favorecer a privada mentres se desmantela a pública, como fai o goberno do PP na Xunta da Galiza, perpetuando as desigualdades e favorecendo a quen pode sacar mellor nota pagando.

Por non falar de quen facendo ou non selectividade se ve expulsada da universidade porque non pode afrontar o prezo dos alugueiros e matrículas, desprazarse fóra da casa ou compatibilizar traballo e estudos. O que a ABAU non criba, o custo da universidade expúlsao.

Fronte a este modelo que nos deshumaniza, nos criba e que prexudica a nosa saúde mental, é necesario loitar por un novo modelo: aberto, público e ben dotado. A educación debe ser accesíbel para todas, o camiño para conseguilo é a organización e a loita.