18-F | Medio Ambiente

Estas son as dez medidas "para un modelo enerxético alternativo" que 'Eólica, Así Non' propón ás forzas políticas

Concentración da coordinadora 'Eólica, Así Non'. (Foto: Nós Diario)
A Coordinadora apela aos galegos e galegas a "aproveitaren esta oportunidade" para "favorecer dunha vez por todas un goberno na Xunta que nos protexa fronte os abusos do capital, que nos faga partícipes do deseño da alternativa enerxética, que sexa escrupuloso no cumprimento das normas ambientais e que traballe polo interese xeral do país, e non para os intereses privados das empresas enerxéticas".

A Coordinadora 'Eólica, Así Non', conformada por máis de 200 entidades e colectivos de diversos ámbitos, instou esta cuarta feira a todas as organizacións políticas que aspiran a gobernar a Xunta da Galiza e que se presentan ás eleccións do vindeiro 18 de febreiro a que "promovan e aposten por un modelo enerxético alternativo" para o país. Con este obxecto, 'Eólica, Así Non' traslada ás formacións candidatas o decálogo de conclusións extraídas nas xornadas 'Temos Alternativa', decorridas o ano pasado en Pontevedra e promovidas pola Coordinadora, co ánimo de "consensuar entre os sectores organizados da sociedade uns principios sobre os que asentar o modelo enerxético alternativo para Galiza".

Nestas xornadas participaron diversos sectores no ámbito do ecoloxismo, o sindicalismo, os montes veciñais, as plataformas veciñais de afectados ou a universidade, que achegaron diversas suxestións de cambio para a construción da alternativa, sendo recompiladas no decálogo aquelas que acadaron unha maior unanimidade e aceptación.

Desde a Coordinadora chaman as formacións políticas candidatas á Xunta a que introduzan nos seus discursos e debates de campaña a cuestión enerxética e a súa proposta de desenvolvemento para as enerxías renovábeis no país. 'Eólica, Así Non' tamén apela aos galegos e galegas a "aproveitaren esta oportunidade" para "favorecer dunha vez por todas un goberno na Xunta que nos protexa fronte os abusos do capital, que nos faga partícipes do deseño da alternativa enerxética, que sexa escrupuloso no cumprimento das normas ambientais e que traballe polo interese xeral do país, e non para os intereses privados das empresas enerxéticas".

O movemento 'Eólica, Así Non' salienta que, logo de "tres anos ininterrompidos de mobilizacións masivas, centos de denuncias contra os abusos e os danos da invasión eólica e dun incesante clamor social polo cambio de modelo enerxético", nin o Goberno de Alberto Núñez Feixoo nin o de Alfonso Rueda "atenderon o noso chamado". "Ao contrario, rexeitaron por completo todas as nosas reivindicacións, nas que se incluía a moratoria de todos os proxectos eólicos en tramitación mentres non houbese unha adecuada planificación, a derrogación das leis de depredación, ou o estrito cumprimento das normativas vixentes en materia de acceso e participación pública e avaliación ambiental", censuran.

Estas entidades lamentan que a Xunta, de feito, "na última lexislatura instensificou a súa ofensiva contra as comunidades afectadas pola enxurrada de polígonos eólicos, recortou aínda máis dereitos sociais e as garantías ambientais dos proxectos, dificultou o acceso á información, e impuxo normas 'golpistas' que deixan absolutamente indefenso o pobo galego fronte a explotación e abuso do lobby enerxético e das empresas que especulan co noso territorio, coas que está absolutamente alineada".

A Coordinadora censura que "a Xunta do PP vén de entregar o país ao capital máis depredador coa declaración dos proxectos eólicos de 'interese público superior'". Porén, tamén dirixe as súas críticas ao Goberno de Sánchez por "anular a avaliación de impacto ambiental dos procedementos de autorización de parques eólicos a golpe de 'decretazo' ou impor a eólica mariña no mar da Galiza sen avaliar adecuadamente o seu impacto na pesca e sobre biodiversidade mariña".

Decálogo "para a construción dunha alternativa enerxética"

Estas son as medidas que a Coordinadora 'Eólica, Así Non' propón para "construír unha alternativa enerxética" no país que reverta o modelo actual.

1. Galiza, área destacada de implantación de instalacións de xeración, transformación e exportación de enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis.
"Levamos décadas soportando o agresivo e duro impacto da implantación de instalacións de xeración de electricidade e agora soportamos o maior número de aeroxeradores e de potencia instalada por habitante e por quilómetro cadrado en todo o Estado destinada a satisfacer a demanda de territorios libres de instalacións eólicas e grandes consumidores do Estado, como Madrid, sen resultar en ningún caso beneficioso para a poboación galega".

2. Pero fortemente dependente das enerxías fósiles.
"O anterior non debe impedirnos valorar que no consumo neto de enerxía Galiza segue a ser dependente das enerxías fósiles importadas, tendo en conta que unha parte desas importacións fanse para o seu refino ou regasificación e posterior reexportación. Se queremos unha verdadeira transición enerxética con perspectiva galega e tamén global, non debemos esquecer este feito".

3. A eficiencia enerxética, pero sobre todo o aforro, especialmente nos ámbitos de maior consumo, é chave para afrontar con éxito a transición enerxética e o impacto do cambio climático.
"Cómpre apostar de forma urxente e decidida por un novo sistema de mobilidade colectivo para as persoas que reduza os consumos enerxéticos e a emisión de CO2, tendo ao transporte eléctrico e os camiños de ferro como vías prioritarias, a. mobilidade peonil e en bicicleta en áreas urbanas, o transporte público e colectivo no rural. Noutro ámbito, cómpre tamén fomentar o illamento térmico de vivendas e edificios".

4. Unha nova planificación enerxética pública ao servizo do pobo e do dereito a vivir e traballar na nosa terra.
"A transición enerxética non é só nunha mudanza tecnolóxica. A enerxía é de propiedade pública, debe estar baixo o control público para garantir que sexa xusta, para mudar as actualmente hexemónicas relacións económicas e socias ao servizo do capital, negador da igualdade de xénero e dos dereitos dos pobos. Un modelo enerxético sustentábel non pode poñer en perigo a aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación".

5. Abaratar o prezo da electricidade criando unha Empresa Pública Galega, recuperando a xestión públicas dos recursos enerxéticos (centrais hidráulicas), recoñecendo unha tarifa eléctrica galega.
"A participación pública e unha nova fiscalidade como condición previa en calquera proxecto de implantación dun parque eólico a fin de aumentar o retorno económico e social ás persoas e territorios afectados polos parques eólicos. Apostar por un novo sistema público de fixación dos prezos da electricidade para particulares e actividade económica".

6. Apostar polo autoconsumo, polas comunidades enerxéticas e consumo de proximidade e polas comunidades veciñais de montes en man común.
"Unha ferramenta para afondar na inevitable transición enerxética e ecosocial é a enerxía comunitaria. A nova figura permite que as persoas poidan unirse para xestionar, producir e consumir a súa propia enerxía limpa. As comunidades enerxéticas, baseadas na descentralización e na democracia participativa, demostran que se pode cambiar o sistema enerxético, deixar de estar ao servizo do oligopolio das grandes multinacionais eléctricas".

7. A decisiva acción colectiva e popular ante a invasión eólica na defensa do territorio, dos sectores primarios, do rural, do medio ambiente, da saúde, dos recursos hídricos, paisaxísticos, do patrimonio e identidade natural, cultural e histórica.
"Calquera desenvolvemento de renovábeis debe partir dun novo Plano Sectorial eólico que deixe sen efecto o actualmente vixente que é do 1.997, modificado no 2002. Compre un aumento dos ecosistemas e espazos protexidos en Galiza, definir até os 1.500 metros a distancia como distancias mínimas até os 1.500 metros entre muíños eólicos e/ou vías de evacuación e núcleos de poboación. Ademais, é necesaria unha previa ampliación da Rede Natura 2000 coa participación das comunidades de montes nos órganos de xestión, así como un deseño de medidas compensatorias para as persoas titulares destas terras polos servizos ecosistémicos que prestan ao conxunto da sociedade".

8. Galiza libre de eólica mariña e retirada polo Goberno español dos POEM porque a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños están en perigo.
"Os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña son incompatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños, xa que a costa galega tamén é un santuario ecolóxico para as aves, ao pasar por riba de Estaca de Bares o embude migratorio das aves de maior importancia para Europa e para o mundo".

9. Nova regulamentación na que se recuperen os procedementos e se amplíen os dereitos de participación pública para tramitar calquera proxecto de renovábeis.
"Recentes fallos do Tribunal Superior galego declararon ilegais varios proxectos eólicos e son a proba evidente do sistema antidemocrático e ilegal polo que a derrogación das leis de depredación da Xunta e pola anulación do artigo 6 do Decreto-lei do goberno do Estado que exonera de avaliación ambiental certos proxectos de enerxías renovábeis".

10. A concesión administrativa debera ser o mecanismo normativo para preservar o interese público sobre un recurso de dominio público galego.
"As institucións públicas galegas (Parlamento e Goberno galego) deben declarar o vento como dominio público galego a fin de condicionar a través dunha concesión a explotación do vento".