Unha decena de crianzas de Bucha (Ucraína) pasarán agosto nun campamento da Deputación de Pontevedra

Recepción ás rapazas e rapaces. (Foto: Europa Press)
A institución provincial adheriuse a unha iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína de apoio a crianzas ucraínas coa posta en marcha destes campamentos recreativos de verán.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, visitou esta terza feira un grupo de dez menores ucraínos que pasarán o mes de agosto nun campamento nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe da cidade do Lérez. Estes mozos proceden de Bucha, un pequeno suburbio de Kíiv que tornou nun dos epicentros da guerra en Ucraína. Alí entidades internacionais informaron do "asasinato masivo" de centos de civís por parte das tropas rusas, que mantiveron control da cidade entre o 27 de febreiro e o 31 de marzo de 2022.

Estes menores forman parte de familias de combatentes, de militares e de falecidos en combate. A Deputación de Pontevedra adheriuse a unha iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína de apoio a crianzas ucraínas coa posta en marcha destes campamentos recreativos de verán. Este programa, encabezado polo alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, está liderado no Estado español pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

A institución provincial pontevedresa puxo ao dispor do Comité Europeo as instalacións do Centro Príncipe Felipe para garantir que estes nenos poidan estar durante un mes nunha contorna segura no que descansar, compartir momentos de lecer e adquirir novos coñecementos.

O presidente da Deputación, acompañado da deputada Sandra Basto, fíxolles entrega de agasallos e deulles a benvida desexándolles unha proveitosa estadía e mostrando o seu desexo de que poidan coñecer os atractivos turísticos da Galiza e, máis concretamente, de Pontevedra.

O grupo de menores ucraínos, de entre 9 e 14 anos, que vén acompañado dun adulto experto en traballo social, permanecerá en Príncipe Felipe até o 28 de agosto residindo nun espazo preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional.

A Deputación de Pontevedra ofrécelles servizo de mantemento, servizo médico, atención psicolóxica, servizo de tradución, posta a piques de roupa, acceso á piscina do centro e unha ampla planificación de actividades nas que se potenciarán valores como a convivencia, o benestar, o coidado do medio ambiente e o coñecemento lingüístico.

Tamén están programadas excursións para que coñezan recunchos da provincia de Pontevedra como A Illa de Arousa, Cabo Home, Cangas e praias como A Lanzada e Lapamán, así como outros lugares da Galiza como Santiago de Compostela, Cerceda, a Costa da Morte e Gandarío.

O pasado mes de xullo as instalacións da Deputación de Pontevedra acolleron a outro grupo de dez menores procedentes de Pervomaiske, cidade moi próxima á zona de conflito.