Declaracións de impacto ambiental desfavorábeis para tres proxectos eólicos na Mariña, Terra Chá e Terra de Melide

(Foto: Arxina)

O DOG publica esta quinta feira a declaración como “ambientalmente viábel” do parque eólico Penas Longas, na comarca do Ortegal.

O Diario Oficial da Galiza publica esta quinta feira tres anuncios das Consellarías de Economía e de Medio Ambiente polos cales se informa de que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de tres parques eólicos foron cualificadas como “desfavorábeis” por estes departamementos do Goberno galego.

O DOG tamén da conta de que o proxecto de parque eólico Penas Longas, que promove Adelanta Corporación SA nos concellos de Mañón e Ortigueira (Ortegal) si que obtivo para a DIA a consideración de “ambientalmente viábel” por parte da Consellaría de Medio Ambiente. Este proxecto pretende instalar 3 aeroxeneradores e unha potencia total instalada de 18 MW.

Greenalia

Publícase no número do DOG desta quinta feira a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se arquiva o expediente do parque eólico Pena da Cabra e se cancela a garantía económica depositada por Greenalia.

Pena da Cabra afecta os concellos de Toques e Sobrado (Terra de Melide) e esta resolución chega após recibir o seu DIA a cualificación de “desfavorábel”. O proxecto contemplaba a instalación de seis 6 aeroxeradores de 4,2 MW de potencia unitaria para un total de 25,2 M.

Tamén “desfavorábel” é a cualificación que recibe a DIA do PE Muruás, que proxectaba instalarse nos concellos de Muras (Terra Chá) e Ourol (A Mariña) da man de Adelanta Corporación. O proxecto está composto por 4 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada.

Entre outras motivacións, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural sinala que este parque eólico “desenvólvese nunha área con elevada presenza de exemplares de voitre leonado e busardo ratoneiro, especies especialmente sensibles ao impacto dos parques eólicos”, para alén de afectar diversas especies de fauna e flora protexidas.

Por último, a DIA do parque eólico Escoiras, tamén paraos concellos de Muras e Ourol, tamén recibiu o “desfavorábel” da Consellaría de Medio Ambiente. “A actuación proxectada non é ambientalmente viável, polo que se propón formular unha declaración de impacto ambiental desfavorábel para o proxecto”, que formulaba a instalación de 4 muíños eólicos. No anuncio da Xunta sobre esta cualificación recóllese que en base á DIA presentada o proxecto  non é “compatíbel coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade da contorna”.