Declaran un foco de enfermidade hemorráxica epizoótica nunha explotación bovina de Verín

Imaxe de arquivo dunha explotación gandeira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

É unha enfermidade infecciosa, mais non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura dun tipo de mosquito.

A Xunta da Galiza notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección do primeiro foco na Galiza de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) deste ano, após ser confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Madrid.

Segundo explican nun comunicado, este foco está localizado na comarca veterinaria de Verín.

Sinalan que a EHE é unha enfermidade infecciosa, mais non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp.

Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Por tanto, existe un período de posíbel afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

No Estado, o fin do período libre do vector no actual período estacional foi o pasado 16 de abril, polo que se espera que até a chegada das temperaturas frías, continúe nos próximos meses a detección de novos focos.

Remarcan que a única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posíbel a transmisión directa ou indirecta entre eles.

Ademais, esta doenza non afecta as persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.