Xustiza

Prisión provisional comunicada e sen fianza para o presunto autor do crime do polígono de Rábade

O detido, chegando hoxe aos Xulgados de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Un home de 55 anos e nacionalidade portuguesa é o presunto autor do crime dun home de 40 cuxo corpo apareceu nun sumidoiro en estado de descomposición.

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo, en funcións de garda, decretou esta quinta feira o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza dun home de 55 anos e nacionalidade portuguesa como presunto autor do crime dun home de 40, desaparecido desde Noitevella, cuxo cadáver foi localizado esta terza feira no sumidoiro dunha nave do Polígono Industrial de Rábade (comarca de Lugo).

O home, arrestado na mañá desta cuarta feira na localidade de Sarria, foi trasladado esta quinta feira nun coche da Garda Civil ás dependencias xudiciais da cidade amurallada, ás que chegou ás 12.45 horas e ás que accedeu co rostro descuberto.

O presunto autor do crime, investigado por un delito de homicidio, vivía na mesma nave na que foi achado o corpo sen vida do veciño de Rábade cuxa desaparición fora denunciada días antes polo seu compañeiro de piso e cuxos restos mortais, en avanzado estado de descomposición, foron recuperados na noite da terza feira dunha arqueta, a uns dous metros de profundidade, por efectivos dos servizos de Emerxencias.

Após ser detido en Sarria polos axentes da Garda Civil que levaban días tras a súa pista, o presunto homicida foi trasladado a tarde da cuarta feira á nave industrial de Rábade na que sucederon os feitos para participar xunto á Policía Científica nas tarefas de reconstrución do crime.

Aínda que a investigación para esclarecer as circunstancias que rodearon á morte do veciño de Rábade segue o seu curso, as primeiras pescudas apuntan a que ambos os homes xa se coñecían e que unha discusión entre ambos desencadearía o crime.