Defensa da Sanidade di que non é "momento para folgas" senón de máis presupostos e persoal
Non é o momento para folgas sanitarias", senón o de incrementar con "carácter urxente" os presupostos dedicados á sanidade pública e mais aos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde.
É a postura que a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública deu a coñecer nun comunicado, situándose en contra da folga convocada a nivel estatal pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para protestar contra o decreto aprobado pola Administración central para a incorporación ao sistema de profesionais extracomunitarios.
A entidade pide aumentar os presupostos, facendo fincapé nos destinados a Atención Primaria, e mais os cadros de persoal "recuperando aos sanitarios que marcharon da Galiza pola precariedade das condicións laborais".
Tamén "mellorar a situación dos centros de saúde aumentando a súa actividade presencial e suprimindo as trabas de acceso" e mais por "a pleno rendemento os hospitais, abrindo pola tarde e estabelecendo circuítos para pacientes coa Covid-19 para atender as enormes listas de agarda acumuladas".
Rexeita o decreto
A asociación aclara que comparte a postura da CESM en relación ao decreto, mais non a vía da folga. "Aínda que compartamos o rexeitamento á incorporación de profesionais sen a debida acreditación dunha formación similar a MIR (Médico Interno Residente) que garanta a seguridade e a calidade da atención, consideramos que a resposta non debera ser unha folga que reduza aínda máis a actividade sanitaria do persoal recortado polas políticas neoliberais do PP". conclúe, sinalando os seus efectos sobre a poboación.