Defensa da Sanidade Pública acusa o PP de practicar “nepotismo” no reparto dos recursos sanitarios

Un traballador do servizo de ambulancias do 061 durante o traslado dun paciente. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O desprazamento da ambulancia medicalizada de Vilagarcía de Arousa a Sanxenxo durante o verán multiplica por tres as distancias de atención.

O pasado 22 de agosto, faleceu atragoada unha muller nun restaurante da Illa de Arousa (O Salnés). Segundo informa a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, a ambulancia tardou 40 minutos en acudir desde a base de Sanxenxo. A distancia entre A Illa de Arousa e Sanxenxo é duns 25 quilómetros, mentres que con Vilagarcía de Arousa é de tan só 7.

“Estes problemas”, afirman desde este colectivo en relación á tardanza das ambulancias no Salnés provocada polo traslado da ambulancia medicalizada de Vilagarcía a Sanxenxo durante a temporada estival, “repítense durante os veráns”.

A poboación atendida polo Hospital do Salnés é de 66.756 persoas (a correspondente aos concellos de Vilagarcía, Vilanova, A Illa, Cambados, Catoira e Caldas de Reis), aos que nos veses de verán hai que sumar as turistas que visitan a ría de Arousa. “A poboación de Sanxenxo é de 33.854 persoas ou de 42.454 se incluímos a do Grove que está a 14 quilómetros”, indican desde Defensa da Sanidade Pública.

“A pesar disto, o Sergas traslada cada verán a ambulancia medicalizada de Vilagarcía (que podería salvar á paciente na Illa de Arousa) a Sanxenxo, alegando o incremento de poboación polo turismo, cando a realidade é que ten 24.302 habitantes menos no período estival”.

A explicación a este “absurdo” atópaa a asociación nun posíbel caso de “nepotismo político”. “Podería ser que o Concello de Sanxenxo está presidido por un destacado membro da Dirección do Partido Popular, empeñado en presentar a súa localidade como o epicentro do turismo cunha oferta de servizos elevada para unha poboación que na súa maior parte goza dun alto nivel de renda”, sinalan nun comunicado.

Para a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, o traslado da ambulancia medicalizada de Vilagarcía a Sanxenxo “evidencia que a planificación sanitaria dos servizos de ambulancia da Consellaría de Sanidade está condicionada pola política de beneficiar os Concellos presididos polo Partido Popular e á poboación de maior nivel de renda, en lugar de para atender as necesidades de saúde da poboación”. Como consecuencia, afirman, “a menor nivel de renda maior exposición ao risco asistencial”.