Defensa da Sanidade Pública acusa o Sergas de "escurantismo" e "trampas" nos seus orzamentos

Concentración de SOS Sanidade Pública diante do Parlamento (Foto: Arxina).

A raíz das irregularidades detectadas polo Consello de Contas.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) acusa o Servizo Galego de Saúde (Sergas) de "escurantismo", "falta de transparencia" e de facer "trampas" cos seus orzamentos e as contratacións despois do informe do Consello de Contas en que reclamaba un financiamento "realista" do sistema.

En concreto, este documento que transcendía esta segunda feira recollía nas súas conclusións, correspondentes ao ano 2022, que a asignación que a Xunta destina a gasto sanitario é "moi superior" -uns 489 millóns de máis- á dos seus orzamentos iniciais. Ademais, os tempos de espera, en xeral, incrementáronse con respecto a antes da pandemia da covid-19.

Por mor deste informe, a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública denunciou o "escurantismo" das contas do Sergas e sinala a "inutilización adecuada" do programa 'Imprevistos e funcións non clasificadas' que apunta Contas, empregado "para saltar os límites fixados para a transferencia de crédito".

Así mesmo, este colectivo suxire que o desaxuste entre o orzamento inicial e o gasto final é "para ter as mans libres para contratar coa privada".

O Consello de Contas tamén recolle no seu informe que, en 2022, Galiza foi a décima autonomía en investimento sanitario, con 1.705 euros por habitante. Para a AGDSP, isto demostra que o orzamento do Sergas "é insuficiente", tendo en conta que a comunidade está "á cabeza en envellecemento e dispersión da poboación".

Segundo denuncia a asociación, esta "estratexia" permita á Consellaría de Sanidade "asinar contratos a dedo co sector privado vulnerando os principios de contratación pública", ademais de "incrementar as derivacións" fóra do sistema público e "favorecer aos laboratorios farmacéuticos".

Neste contexto, por mor do informe de Contas, a Xunta desvelou esta terza feira que está a traballar na elaboración dun novo plan contábel para a súa implementación na Administración xeral, incluído o Sergas.