Defensa da Sanidade Pública critica a privatización do servizo de mantemento dos equipos do Sergas

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza)

A asociación sinala un “conflito de intereses” na adxudicación a Varian do contrato de mantemento de 17 equipos de aceleradores de radioterapia e equipos de braquiterapia por valor de 18 millóns de euros.

A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública vén de denunciar un caso de “privatización” do control dos recursos tecnolóxicos do Servizo Galego de Sanidade (Sergas). Segundo alerta a entidade, a Consellaría de Sanidade gastou en 2023 máis de 37 millóns de euros en “pagar ás multinacionais polo mantemento de equipos tecnolóxicos durante catro anos”.

As cantidades que sinalan desde Defensa da Sanidade Pública fan referencia a 14,8 millóns de euros para Siemens Healthcare polo mantemento de 50 aparellos; 12,3 millóns para Philips Ibérica por otros 50 equipos; e 9,4 millóns para General Electric Healthcare polo mantemento de máis de 30 aparellos. A estas cifras habería que sumar unha cantidade adxudicada o pasado 6 de agosto á empresa Varian, que, por 18 millóns de euros encargarase os vindeiros cinco anos do servizo de mantemento de 17 equipos de aceleradores de radioterapia e equipos de braquiterapia.

A esta asociación “chámalle a atención” que precisamente Varian foi “patrocinadora de ouro” no XXI Congreso da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica decorrido en setembro de 2022, cando o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidía a sociedade e era ademais o xefe de Servizo de Oncoloxía Radioterápica no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Isto, para Defensa da Sanidade Pública, constitúe un “claro conflito de intereses”.

“O custo total destas privatizacións alcanza os 55 millóns de euros. Ao externalizar esta función, son as propias empresas multinacionais fabricantes as que deciden os aparellos  que debe comprar o Sergas e avalían o seu estado e funcionamento”, afirma a entidade. “É decir, pór o lobo para vixiar os cordeiros”, engade nun comunicado.

Os problemas da privatización

Así, segundo Defensa da Sanidade Pública, as empresas contratadas non sempre prestan os servizos en función das necesidades do sistema sanitario público, “senón do seu negocio particular”. A esta eiva suman que, “grazas a estes contratos, as multinacionais teñen acceso a información confidencial sobre as tecnoloxías e funcionamento do sistema sanitario público”.

Entende tamén que o Sergas perde o control dos equipos tecnolóxicos e “incrementa a súa dependencia das empresas que os fabrican. As multinacionais pasan así a formar parte da organización e xeran unha relación difícil de romper (especialmente se a compañía contratada é a única que ten coñecemento ou experiencia nesa área)”. “Dado que o cambio tecnolóxico é moi acelerado, situar fóra da organización esta competencia supón perder a capacidade para controlar as empresas ás que compra os aparatos tecnolóxicos”, engade.

Para a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública o Sergas destina 55 millóns de euros a empresas privadas para que realicen unha función que “podería realizar a seu propio persoal, convenientemente formado, a uns custos moito máis baixos e renuncia a un sistema sanitario público intelixente”. “Con ese gasto poderíanse construír oito novos centros de saúde”, calculan.