Defensa do común e 30 colectivos máis protestan pola concesión "sen regulamento" á Fundación Marta Ortega no porto da Coruña

Centro da Fundación Marta Ortega no porto da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña aprobou esta terza feira o outorgamento dunha concesión á Fundación Marta Ortega Pérez (MOP) para continuar as súas actividades culturais no peirao de Batería.

O consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña aprobou esta terza feira o outorgamento dunha concesión á Fundación Marta Ortega Pérez (MOP) para continuar as súas actividades culturais no peirao de Batería.

A este respecto, o portavoz do colectivo Defensa do Común, Manuel Monge, en declaracións a Nós Diario, anuncia que 31 organizacións presentaron a todos os grupos municipais unha proposta de moción para que se desenvolvan "unhas bases para o ordenamento dos usos urbanísticos do porto interior". 

"A partir de aí haberá que ver se se fan concesións, mais aquí estase a facer sen regulamento, mentres o Concello da Coruña parece que está de convidado de pedra", agrega o portavoz.

Concentración

As organizacións convocaron para hoxe unha concentración na zona do Palexco ás 11.45 horas con motivo da participación nun foro —titulado "III Foro Económico Español: La Galicia que viene"— do presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, "para pór o foco sobre o futuro da xestión do porto", explica.

"O noso proxecto para o porto non pasa precisamente por convertelo nun lugar para ser concedido a entidades privadas sen uns criterios de regulamento. Se hoxe pide o seu espazo a Fundación Marta Ortega, mañá poderá facelo calquera empresa", di.

"Non pode ser, primeiro ten que haber un criterio previo e despois pode haber propostas interesantes, incluso por parte da Fundación Marta Ortega. Nós non temos nada en contra desta fundación, nin do feito de que haxa concesións como en outros lugares, mais o primeiro que ten que existir é un estudo sobre o que se vai facer no porto e un regulamento dos seus usos", conclúe Manuel Monge.

Mais a protesta decorrida esta cuarta feira ante o Palexco non puxo só o foco sobre a xestión do porto da Coruña, senón tamén contra o "espolio que acometen contra o noso territorio". "Non é a Galiza que vén, é a Galiza que queren!", denunciaron nunha protesta na que se alertou do "perigo que supón Altri" para o país.