Defensa pon a disposición de Sanidade a reserva de vacinas contra a nova variante do mpox

Doses da vacina contra a varíola do mono. (Foto: Europa Press)
O Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea reunirase esta segunda feira, 19 de agosto, para analizar a expansión desta enfermidade.

O Ministerio de Defensa puxo a disposición do Ministerio de Sanidade a reserva estratéxica de vacinas contra a nova variante da varíola do mono, rebautizada como mpox, coa que conta o Estado e que se almacena en estabelecementos militares.

Así o anunciou este sábado a ministra de Defensa, Margarita Robles, durante unha visita á Xefatura da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na Base Aérea de Torrejón de Ardoz (Madrid): "Estiven en contacto co ministro de Sanidade porque o material de reserva que ten o Estado para a vacinación está en estabelecementos militares e ofrecémoslle plena dispoñibilidade”.

O Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea reunirase esta segunda feira, 19 de agosto, para analizar a expansión desta enfermidade, e un día despois, o 20, o Ministerio de Sanidade convocou as comunidades autónomas para analizar que medidas tomar tras o decreto do emerxencia sanitaria de interese internacional anunciada o pasado día 14 pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

A Comunidade de Madrid propuxo controis no aeroporto de Barajas aos voos procedentes dos países afectados, mentres que o PP solicitou ao Executivo central crear unha reserva de vacinas, escoitar ás comunidades autónomas e reforzar os controis nas infraestruturas de entrada de viaxeiros ao Estado desde o estranxeiro, como portos e aeroportos.

O PP solicita reserva de vacinas

Neste contexto, a vicesecretaria de Organización do PP, Carmen Fúnez, informou de que o pasado 30 de xullo o PP rexistrou unha proposición non de lei ante a Comisión Mixta de Seguridade Nacional na que pide ao Goberno a creación dunha reserva de vacinas contra varíola que dea resposta á realidade sanitaria do Estado.

Na súa iniciativa parlamentaria, os conservadores sinalan que hai dous millóns de vacinas contra a varíola de segunda xeración caducadas e que non poderán trasladarse á poboación.

Desde o inicio do brote en 2022, notificáronse no Estado 8.104 casos, a gran maioría, 7.521, producíronse ese mesmo ano, segundo os datos do Ministerio de Sanidade.