Defensa recortará o muro do Arsenal de Ferrol para "que se vexa o mar"

No centro, Rei Varela e Robles, esta segunda feira en Ferrol. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press)
A Armada posúe en propiedade perto de 25% da superficie da cidade.

O Ministerio de Defensa recortará a muralla que rodea o Arsenal de Ferrol para "abrir" a cidade ao mar. Así o deu a coñecer esta terza feira a ministra española de Defensa, Margarita Robles, que comprometeu a colaboración do Goberno estatal e da Armada –que posúe en propiedade arredor de 25% da superficie da cidade– para poder materializar o proxecto "Abrir Ferrol ao mar". 

"Rehabilitaremos e rebaixaremos a muralla mantendo as condicións de seguridade das instalacións militares, porque queremos seguir sendo unha das bases militares máis importantes do mundo e aspiramos a que tamén o Arsenal poida medrar e modernizarse", subliñou o alcalde, José Manuel Rei Varela, nunha comparecencia de prensa na que Robles e Varela estiveron acompañados do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do almirante do Arsenal Militar da cidade departamental, Ignacio Frutos

Alén da rebaixa do muro do Arsenal, o seu derrubamento é unha demanda histórica da veciñanza da cidade, que demandou en non poucas ocasións tanto a eliminación desta barreira visual co mar, como a cesión de modo gratuíto espazos militarizados que carezan de uso, en situación de completo abandono desde hai anos.