Sanidade pública

O Defensor do Paciente a Alfonso Rueda e Gómez Caamaño: "Cren vostedes que as doenzas marchan de vacacións?"

Camas nun hospital do Sergas.

A presidenta desta entidade, Carmen Flores, critica os recortes sanitarios e falta de medio e persoal nos meses de estío.

A presidenta da Asociación do Defensor do Paciente, Carmen Flores, escribiu un duro comunicado dirixido ao presidente galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a raíz da falta de persoal sanitario no verán e do feche de camas.

“Cren que as enfermidades marchan de vacacións? Ás súas familias se enferman quen as atenderá ? Ou tampouco lles importan?”, pregúntase no escrito, no que responsabiliza a Xunta de “abandonar á súa sorte durante dous meses os cidadáns sen médico”.

Flores insta os representantes do Goberno galego a que “Cumpran co seu deber, que é manter os servizos públicos abertos, non son unha peixaría, un bar ou un ultramarinos. É saúde e a saúde non pecha”.

Non é esta a primeira vez que o Defensor do Pobo se dirixe á Xunta con fortes críticas. Así, o pasado mes de maio o Defensor do Paciente dirixiu unha carta ao fiscal xeral da Galiza, Fernando Suanzes Pérez, para "achegarlle o que puidemos coñecer e que pola súa gravidade solicitámoslle unha investigación de oficio".

Refírense desde a asociación ao "abandono de funcións da Xunta da Galiza ao pór en grave risco ás mulleres con patoloxías oncolóxicas", despois de que pacientes da área sanitaria de Compostela compareceran esta segunda feira en público para denunciar os "inxustificábeis atrasos e demoras" do Sergas nas necesarias revisións que deben facer no seguimento da evolución do seu cancro.

"A prevención de valoración do seu estado lles importa nada", afirma o colectivo. "Un delito que como dicimos debe ser investigado, estas mulleres non están enfermas por capricho", engadían desde o colectivo O Defensor do Paciente.