O Defensor do Pobo rexistra 223 novos testemuños de vítimas de abusos na Igrexa

O Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Ángel Gabilondo avanza a elaboración, por parte da institución que dirixe, dun informe sobre a violencia vicaria.

O Defensor do Pobo rexistrou 223 novos testemuños de vítimas de abusos sexuais na contorna da Igrexa católica tras a presentación do informe que realizou a institución e até esta cuarta feira, 22 de maio. Destes casos, consideráronse válidos 129 testemuños.

Así o detallou Ángel Gabilondo esta quinta feira, durante a presentación no Pleno da Cámara Baixa dos informes anuais que recollen as principais liñas de actuación da institución que dirixe en 2022 e en 2023. Na súa intervención repasou, ademais, o labor realizado pola Comisión Asesora para realizar o informe sobre os abusos sexuais no ámbito da Igrexa e o papel dos poderes públicos tras a encomenda recibida por parte do Congreso en 2022.

O informe foi rexistrado e entregado á presidenta do Congreso, Francina Armengol, o 27 de outubro de 2023, e está pendente de ser debatido no Pleno. Gabilondo destacou que este informe, "enfocado na atención central ás vítimas e na resposta ás mesmas", concrétase en 24 recomendacións e "subliña os factores de risco e as consecuencias destes abusos, expón as respostas que deu a Igrexa católica e como se abordou a cuestión por parte dos poderes públicos".

Informe sobre violencia vicaria

Por outra parte, informou de que a institución que dirixe vai elaborar un "informe singular sobre a violencia vicaria". No que vai de ano, sete menores foron asasinados por violencia machista, presuntamente a mans do seu pai, no Estado español, e 57 desde 2013, cando se comezaron a solicitar estes datos.

"Tristemente cabe destacar de novo a gravidade da violencia contra as mulleres e a violencia vicaria. A persistencia desta forma de violencia e a complexidade para abordala exixe a cooperación de moi diversas instancias públicas", declarou Ángel Gabilondo. Na súa intervención, lembrou que este ano a institución subliñou "as posibilidades de mellora, como o concepto de vítima e a súa acreditación, que debe ser áxil e sinxela".

"A actuación policial, a adecuada formación e sensibilidade de cuantos traballan preto das vítimas. O papel dos puntos de encontro familiar ou o dos equipos psicosociais adscritos aos xulgados. Todas foron obxecto de análise e numerosas recomendacións. A nosa institución vai elaborar un informe singular sobre a violencia vicaria", confirmou.