Deixan en liberdade provisoria o home que agrediu mortalmente un vigués nun concerto de Karol G en Madrid

A agresión aconteceu tras o concerto de Karol G en Madrid (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
Convocada unha concentración silenciosa este domingo

O Xulgado de Instrución número 6 de Madrid, en función de garda de detidos, ordenou a liberdade provisoria do home detido por agredir mortalmente nas inmediacións do Santiago Bernabéu (Madrid) un vigués ao final dun concerto de Karol G, informaron fontes xurídicas.

Ao detido, ao que se lle impuxeron as medidas cautelares de prohibición de saída do territorio estatal e a obriga de comparecer cada quince días no xulgado até que conclúa a causa, investígaselle pola comisión dun delito de homicidio imprudente. O procedemento instrúeo o xulgado de Instrución número 54, que xa se encargou do levantamento do cadáver.

O home de 42 anos agredido faleceu a pasada cuarta feira ao bater contra o chan após ser agredido por outro home despois do concerto de Karol G, na contorna do estadio Santiago Bernabéu.

Os feitos ocorreron minutos antes da 1 da madrugada desta terza feira. Tras o concerto da artista colombiana, un home atopábase realizando unha videochamada coa súa noiva cando catro mozas que estaban detrás comezaron a increpalo porque pensaban que as estaban gravando sen o seu consentimento.

Ante a rifa, un mozo de 33 anos cunha gran tatuaxe no brazo achegouse e, sen mediar palabra, propinou por detrás unha puñada ao home que gravaba co móbil, que caeu ao chan e golpeouse fortemente na cabeza contra o cemento.

Tras o ocorrido, até o lugar acudiron sanitarios do Samur-Protección Civil, que comprobaron que a vítima sufría un traumatismo cranioencefálico severo con otorraxia esquerda. Foi intubado e trasladado hemodinamicamente estábel con aviso previo ao hospital da Paz, onde ingresou en estado moi grave. Sobre as 15.30 horas da terza feira notificouse o seu falecemento na Unidade de Coidados Intensivos.

Concentración

A Asociación Iniciativa Veciñal en Defensa do Medio Ambiente e contra o Túnel no Paseo da Habana  e a Asociación de Prexudicados polo Bernabéu convocaron conxuntamente este domingo unha concentración silenciosa de dó pola morte dun veciño, Juan F. G., tras sufrir unha agresión á saída dun dos concertos de Karol G, celebrado no estadio Santiago Bernabéu.