Demandan a Xunta da Galiza polos incendios de 2017 no Condado

Vivenda afectada polo fogo en Tortoreos (As Neves), a pouca distancia da finca de César García (Foto: Nós Diario)
Un veciño das Neves denunciou danos na súa explotación agrícola como consecuencia do incendio. A Consellaría recoñeceu que non vixiou o fogo. 

A Consellaría de Medio Rural enfróntase a unha demanda sobre a súa responsabilidade patrimonial no incendio que o 15 de outubro de 2017 cruzou o río Miño desde Portugal e queimou 4.000 hectáreas en varios concellos do Condado.

Un veciño afectado solicitou á Xustiza que se pronuncie sobre a posíbel neglixencia da Xunta por unha falta de dilixencia e prevención durante as 18 horas desde o inicio do incendio e o seu paso á Galiza. 

O procedemento xudicial realizouno desde As Neves César García Alonso, a través do seu avogado, Roberto Mera, fronte á Consellaría para reclamar á Administración galega os danos que sufriu na súa explotación de froita ecolóxica, de máis de dúas hectáreas, e que quedou devastada polo lume. O prexuízo está cifrado, provisionalmente, en máis de 60.000 euros. 

O incendio obxecto do proceso xudicial comezou o sábado 14 de outubro de 2017 ás 20.20 horas en Portugal e atravesou o Miño no barrio da Estación, nas Neves, ás 14 horas do día seguinte, domingo, e propagouse por ese municipio pasando tamén aos de Salvaterra e Ponteareas.

Na demanda explícase que a propia Consellaría nos seus informes sobre o sinistro recoñece que non se estabeleceu ningunha vixilancia na beira galega do río, malia recibir numerosas chamadas de alerta da veciñanza e do propio alcalde das Neves na mañá dese domingo. 

A “fronteira mental”

O propietario da finca reclamou primeiro pola vía administrativa, que tardou anos en resolverse, rematando co seu rexeitamento por parte da Xunta, unha actuación que vén sendo “habitual” nas actuacións da Administración galega, segundo explica a Nós Diario o letrado Roberto Mera. Porén, esta é a vía previa, co prazo dun ano, que existe para reclamar.

Para o avogado “o que vai a dirimir a Xustiza é se houbo a posibilidade de evitar o incendio”. Neste sentido, sinala que hai unha “fronteira mental que constitúe a fronteira política do río”.

Mera non entende que a actuación da Xunta, neste caso, fora diferente “á que se efectuaría se ao outro lado do Miño continuara a Galiza e deuse por sentado que como era outro país non podería pasar”. Confirma esta idea o feito que a Consellaría non enviou efectivos á zona para agardar o fogo “aproveitando a oportunidade que dá ter o río polo medio como un cortalumes natural”. 

Incendio sen vixilancia

Segundo Mera, “a Xunta tiña toda a información como a seca, as temperaturas, os ventos ou o risco extremo, para valorar a posibilidade de que o lume cruzase o río, e tiña factores favorábeis para detelo no río Miño diante da propiedade de César García”.

Malia a Xunta aseverar que contaba con brigadas a 13 minutos do lugar, na demanda explícase como a propia Administración galega admitiu que tivo que ser alertada da chegada do incendio á Galiza “por un particular” e non polos seus propios efectivos.  

No escrito solicítase que no xuízo declaren as persoas responsábeis do servizo de extinción da Xunta que tiñan que decidir a mobilización e situación dos medios, ademais de adoptar medidas preventivas fronte ao fogo que procedía de Portugal

Tamén as que debían coordinarse coas autoridades portuguesas na extinción do incendio e os responsábeis de decidir o despido de medios humanos (56 brigadistas na comarca do Condado) e a finalización dos contratos de medios materiais días antes do incendio.