Até dous anos de espera en Uroloxía na Mariña: "A xente paga para ter unha atención decente"

Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela o pasado 14 de novembro (Foto: Arxina).
A asociación O Defensor do Paciente remite unha carta a Alberto Núñez Feixoo na que pide "emendar a barbaridade" que supoñen as longas listaxes de agarda: "As persoas doentes non van gratis [ao centro de saúde], pagan para ter unha atención decente e non morrer no intento".

A asociación O Defensor do Paciente reclamou esta terza feira á Xunta que "emende" as demoras para acceder a probas e consultas na Mariña, polo que instou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, quen se presenta a presidir o PP estatal, a "solucionar os problemas da Galiza" antes "de arranxar España".

Segundo informou nun comunicado de prensa esta asociación, a raíz dunha denuncia da Plataforma Sanitaria da Mariña en relación ás demoras de até dous anos para citas en Uroloxía e de catorce meses para Traumatoloxía, en caso "de non tomar medidas" O Defensor do Paciente recorrerá á Fiscalía.

Esta asociación remitiu un escrito ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, con copia á ministra de Sanidade, Carolina Darias, na que apela á "responsabilidade" do Goberno galego para "emendar esta barbaridade" porque "están a pór en risco as persoas que precisan as probas, a diagnose e o tratamento".

"Obviamente, serían os máximos responsábeis. De non tomar medidas, enviarémolo á Fiscalía, xa que, como dicimos, o tema é grave", advertiu o colectivo.

A respecto desta cuestión, a asociación incidiu en que as persoas doentes e a cidadanía en xeral "non van gratis, non lles regalan nada, pagan para ter unha atención decente e non morrer no intento". "Esperamos responsabilidade e que actúen coa axilidade que precisa o asunto", urxiu a presidenta do Defensor do Paciente, Carmen Flores, no escrito remitido a Núñez Feixoo.

Folga do servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS

Por outra parte, o comité de folga do persoal facultativo do servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) avanzou que "espera" que a mediación promovida pola Consellaría de Sanidade a partir desta semana sirva para "achegar unha xusta solución" ás e os otorrinos.

Desde este 10 de marzo, o persoal fará folga indefinida todas as terzas e quintas feiras. Na xornada desta terza, segundo o comité, 75% das e dos facultativos do servizo apoiaron a folga, que supuxo a "suspensión de 95 consultas", isto é, "sete de cada dez das que estaban programadas".