Denegada a autorización ambiental ao parque eólico Prada, en Pena Trevinca

Vista de Pena Trevinca (Foto: Nós Diario).
Salvemos Cabana xa lembrou no seu momento que o macizo de Pena Trevinca está amparado pola Rede Natura e clasificado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana celebra que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) denegase a autorización ambiental do parque eólico Prada, en Pena Trevinca (concello da Veiga) ao considerar "a posibilidade de impactos negativos sobre o medio ambiente".

A decisión do organismo coincide, segundo indican desde a asociación, con "moitas das reclamacións públicas efectuadas ao proxecto por entidades e particulares", e fai referencia ao apartado 4 do artigo 46 da Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que explicita que as autoridades "só poderán manifestar a súa conformidade con este tipo de plans industriais tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade dos espazos da Rede Natura afectados".

Neste sentido o Ministerio apunta a que a proximidade a espazos protexidos pola Unión Europea e a presenza de especies tan significativas como o aguia real (Aquila chrysaetos), o voitre branco (Neophron percnopterus), o miñato real (Milvus milvus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus), a tartaraña gatafornela (Circus cyaneus), o miñato común (Buteo buteo), o lagarteiro común (Falco tinnunculus) ou a perdiz charrela (Perdix perdix), con radios de campeo moi superiores ao ámbito do proxecto "non permite descartar que se vaia producir afección indirecta ás especies prioritarias de conservación deste e o resto de espazos protexidos presentes na zona".

Por outra parte, Salvemos Cabana xa lembrou no seu momento que o macizo de Pena Trevinca está amparado pola Rede Natura e clasificado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, algo que a normativa de avaliación ambiental a nivel galego considera incompatíbel con iniciativas industriais "que produzan unha alteración física ou unha perda de valores naturais, culturais, científicos ou educativos nos espazos naturais en réxime de protección xeral incluídos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais da Galiza".

"Un lugar único"

Localizado no sureste do país, o macizo de Pena Trevinca é un espazo natural único na xeografía galega que abarca 25.000 hectáreas e os cumes máis altos do país como Pena Trevinca, de 2.127 metros, Pena Negra (2.123) e Pena Surbía (2.122) na confluencia da Serra do Eixe, a Serra Calva e a Serra Segundeira.

Esta contorna natural privilexiada, indican desde Salvemos Cabana, conta, ademais de con numerosas especies protexidas, “cunha das mellores mostras das antigas paisaxes glaciares da península, cuxo recordo se conserva en lagoas como ‘A lagoa dá serpe’ e ‘O Celo’. Ademais, xunto ao río San Xil, está o famoso Teixedal de Casaio, unha auténtica catedral botánica que alberga máis de 300 árbores dunha especie, o tezo (Taxus baccata), que pode chegar a superar o 3.000 mil anos de idade e que na antigüidade era considerado como sacro para os pobos celtas”.

“Unha vez superada a ameaza eólica, é o momento de celebrar a decisión tomada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio e reclamar unha vez máis á Xunta da Galiza que inicie os trámites para proceder á declaración do macizo como parque natural”, acrecentan.

Sobre os espazos protexisdos, Salvemos Cabana asegura que “a Administración galega non debe esquecer que a importancia dos espazos protexidos é múltiple, pois en primeiro lugar actúan como reservorios de biodiversidade, de especies de flora e fauna, a miúdo endémicas, que se deben conservar custe o que custe. Este feito é particularmente importante nun mundo onde a perda da vida silvestre é un factor cada vez máis preocupante, e onde moitas especies atópanse en situación de vulnerabilidade ou directamente en perigo de extinción. Ademais, proporcionan servizos ecosistémicos que son cruciais para o ser humano como son a regulación do clima ou a purificación de ar e auga”.

“Pena Trevinca e a súa contorna cumpren con todos os requisitos para que esta zona sexa declarada, por dereito propio, como o sétimo parque natural da Galiza. Polo seu valor intrínseco, pero tamén porque se trata dun lugar que permite conectar coa natureza e admirar a beleza e diversidade das súas paisaxes. Unha oportunidade para o goce pero tamén para a investigación e educación das novas xeracións que o Goberno galego, en defensa do interese xeral, non debe desaproveitar”, engaden.