Denuncian a parálise da Xunta e o uso de traballador@s públic@s na campaña electoral

Paralización de expedientes, tramitación axilizada doutros en función dos intereses ou uso de persoal da función pública para tarefas de campaña son algunhas das denuncias emitidas pola CIG-Administración.

A sección da Confederación intersindical galega na administración pública vén de emitir un comunicado en que denuncia a utilización de recursos (sobre todo humanos) por parte da Xunta de Galiza para fins partidistas na campaña electoral. Desde a central sindical nacionalista defenden a súa condición de empregad@s públic@s e “e non do Partido Popular”.

“Aquí non se asina nada”, sería unha das ordes que circulan entre boa parte das consellarías da Xunta --entre elas Industria-- e din coñecer casos en que @s traballador@s públic@s “sobre todo aquel@s en condicións laborais precarias” están a traballar na campaña electoral para beneficio do PP. Así mesmo, denuncian que os gabinetes das consellarías estean exixindo @s empregad@s recoller datos pertencentes á lexislatura anterior á fin de elaboraren informes en que se estabelezan comparativas co goberno de Núñez Feijóo.

“Aquí non se asina nada”, sería unha das ordes que circulan entre boa parte das consellarías

As encomendas do actual goberno da Xunta de Galiza incumpren o capítulo VI do Estatuto do Empregado Público –aseguran fontes da CIG-- onde se recollen os deberes d@s traballador@s públic@s de acordo cos principios de obxectividade, neutralidade e imparcialidade no exercicio das súas funcións. Así pois, desde a central sindical lanzan un aviso a administración salientando que “calquera infracción manifesta da normativa actual pode e debe ser denunciada”. Neste sentido, emprazan tod@s @s traballador@s públic@s a exixiren unha orde por escrito naqueles casos en que consideren se lles estea a demandar traballo para alén do estritamente legal. A través desas notificacións, a CIG-Administración pretende presentar denuncias formais “pola dignidade e os dereitos d@s traballador@s públic@s”.