O BNG denuncia recortes en educación en Ourense

Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
@s nacionalistas aseguran que hai máis casos como o do Colexio de Educación Infantil e Primaria CEIP Pena Corneira, de Carballeda de Avia. Mañá presentarán na sede do BNG de Ourense

Carme Adán, deputada do BNG e responsábel de Educación, Deputados e deputadas de Ourense, e alcaldes nacionalistas da provincia presentarán mañá na súa sede local de Ourense ás 11:30 horas un informe sobre os recortes na provincia de Ourense en materia educativa.

Un dos últimos casos é o do Colexio de Educación Infantil e Primaria CEIP Pena Corneira, de Carballeda de Avia (Ourense), onde a ANPA denunciou que un inspector de Educación visitou a quinta feira pasada o Centro, comunicando que dos 7 profesores que na actualidade dan clase no CEIP Pena Corneira se recortarán 3, co que o Colexio quedará, o próximo curso, con só 4 mestres para os 50 nenos matriculados en Infantil e Primaria nese Centro.

Para a ANPA trátase dun “recorte” en toda regla, "acorde coas políticas anunciadas pola Xunta especialmente para os centros educativos da provincia de Ourense, que repercutirá negativamente na calidade da ensinanza impartida ós alumnos desta zona e podería levar, no futuro, ao peche do centro".

Mobilizacións
A ANPA celebrou ao día seguinte da visita do inspector unha asemblea de urxencia na que decidiu organizar unha serie de mobilizacións e actuacións de protesta inmediatas, posto que o curso escolar remata esta mesma semana.

Nais e pais dos alumnos afectados colocaron estes días pola vila carteis e pancartas de denuncia da situación de recorte prevista para o Colexio e programaron para mañá, cuarta feira, 20 de xuño, a partir das 10:00 horas da mañá, unha protesta na entrada do Centro. Alumnos, nais e pais acudirán disfrazados de ovellas, lobos e xestores da Consellería de Educación para denunciar que os nenos do CEIP Pena Corneira non son un rabaño á orde das políticas de recorte que está a acometer a Xunta na educación pública. Para esta movilización convocaron a todo o pobo da Carballeda de Avia e agárdase que sexan centos as persoas que participen na movilización.

A ANPA oponse a esta política de recorte do profesorado e demanda “menos cartos para os bancos e máis para a educación pública” no contexto económico actual. Teñen sospeitas fundadas de que situacións semellantes de reducción de profesorado se están planeando en máis colexios rurais da comarca do Ribeiro e de todo Ourense para o vindeiro curso escolar e animan aos pais e ás nais doutros centros da provincia a informarse sobre a situación e protestar. "O obxectivo é evitar unha situación que podería levar ó peche dos colexios rurais e á concentración de alumnos de concellos pequenos, neste caso concreto, en Ribadavia, eliminando centros de ensino rurais que son fundamentais a día de hoxe para poder evitar un maior despoboamento do rural", apuntan desde a ANPA.