Denuncian activistas de Adega por paralizar as obras dunha minicentral no Miño. Eles négano

A asociación nega con rotundidade as acusacións. Considera que a denuncia é un “intento de coacción e desacreditación” por parte das empresa responsábel das obras.

Activistas de Adega enteráronse a través da prensa de que a concesionaria da explotación da fábrica da luz de Lugo e promotora das obras de rehabilitación desa factoría denunciára varios activistas por irromper ditas obras e por increpar os operarios da firma. A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza nega con rotundidade esas acusacións nun comunicado. Falan dunha concentración pacífica de veciñ@s que acudiron voluntariamente até o lugar ao se enterar do “reinicio das obras deste dique ilegal”. Esa mobilización, explica Adega, decorreu “sen altercados e sen afectar á continuidade das obras que alí se estaban a realizar pola empresa Inca, xa que as máquinas estiveron traballando en todo momento durante a presenza dos manifestantes”. 

É máis, apontan, “en ningún momento” desde os operarios ou responsábeis da obra se lles indicou aos veciños que estaban a interromper ou `paralisar as obras. “Ningunha persoa activista de Adega que acudiu a esta concentración espontánea mostrou unha actitude belixerante contra os traballadores da obra, senón todo o contrario, mesmo Adega solicitou a presencia do Seprona e da Policía Autonómica para que comprobasen se ditas obras contaban con autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.

Por todo isto, esta asociación considera que estas acusacións e denuncias responden a un “intento de coacción e desacreditación por parte da empresa Inca dos movementos e colectivos sociais que intentamos defender ao río Miño de agresións ilegais e inxustificables nun espazo de elevado valor natural”.