Denuncian a agresión en Lugo a unha moza por levar a bandeira saharauí

Tres saharauís fan o símbolo da vitoria nun campo de refuxiadas e refuxiados (Foto: cedida).
Os feitos aconteceron durante unha manifestación en solidariedade con Palestina decorrida en Lugo o pasado domingo.

A Comunidade Saharauí na Galiza presentou unha denuncia pola agresión sufrida por unha menor deste colectivo durante unha manifestación en solidariedade con Palestina decorrida en Lugo o pasado domingo.

Nun comunicado, afirman que o agresor, de nacionalidade marroquí, dirixiuse á menor por detrás para quitarlle a bandeira do Sahara que levaba suxeita na cabeza cunhas gomas.

O colectivo engade que o suposto agresor, que "atacou física e verbalmente varias mozas saharuis" ás que "insultou" con comentarios "machistas", colgou en vídeo en redes sociais, onde foi "animado" polos seus seguidores e seguidoras.

Medidas para protexer a comunidade saharauí

"Instamos as autoridades pertinentes a tomar medidas firmes para protexer a comunidade saharauí na Galiza e garantir o noso dereito para manifestarnos pacificamente sen temor a represalias", conclúe o colectivo no seu comunicado.