Denuncian agresións a persoal e usuarios nos centros de saúde da Área de Pontevedra agravadas pola saturación de turismo

Hospital do Salnés. (Foto: Nós Diario)
CIG-Saúde sinala o desigual tratamento que reciben os ambulatorios do Sergas, que cobre o de Sanxenxo con 100%, mentres no Grove só substitúen ás dúas facultativas de baixa algúns días

A CIG-Saúde vén de denunciar as agresións sufridas nos últimos días por usuarias e usuarios da sanidade pública nos centros de saúde de Vilagarcía e O Grove. "Agresións que adoita sufrir tamén o persoal pola imposibilidade de garantir unha atención digna" e que o sindicato atribúe ás políticas de recorte aplicadas "polo Partido Popular, desde a Xunta de Galiza, coa complicidade de todas as Xerencias das distintas áreas sanitarias".

Respecto das agresións a usuarias e usuarios, ocorridas esta semana en centros de Vilagarcía e O Grove,CIG  lamenta que se volva pórr a noticia na rúa como se fose algo novo e esporádico do período estival “xustificándoas como conxunción de festas e alcohol”.

Considera que isto está moi lonxe da realidade, e afirman que o persoal da sanidade en Atención Primaria -e o persoal sanitario en xeral- “sofre a diario insultos, malos modos e reclamacións escritas por parte de usuarios, que lle demandan unha atención sanitaria que non poden ofrecerlle”.

Subliñan que “non depende de quen está atendendo ás e aos doentes que non se conte cos profesionais e os medios necesarios” e matizan que esta situación se ve agravada agora co aumento de poboación que padece a Área Sanitaria no verán, porque “hai que prestar atención, en moitos casos, con menos da metade dos recursos humanos”.

Trato desigual en función dos concellos

A CIG-Saúde denuncia ademais a diferenza de trato que reciben os distintos concellos. A modo de exemplo explica que Sanxenxo está cuberto ao 100%, porque se trasladou un médico de Vilagarcía e outro do Grove, incluída a ambulancia de Vilagarcía. Porén, O Grove ten dúas facultativas de baixa e só se cobren, unha cun facultativo dous días ao mes, e a outra con dous días á semana. “Un facultativo trasladado a Sanxenxo todo o verán, outro de vacacións sen cubrir e un para atender desprazados, catro horas ao día, até o 15 de agosto”.

Por iso, exixe o mesmo trato para todos e denuncia que “hai poboación de primeira e de segunda, e veraneantes de primeira e de segunda”. Unha situación que entende que queda constatada cando, en ambos os casos, se trata de concellos costeiros con sobrecarga de poboación.

A CIG-Saúde alerta de que a poboación en xeral sofre os retrasos nas consultas e os cambios constantes destas, as longas listas de espera e a ausencia de especialistas. “Isto provoca que colapsen os servizos de urxencias tanto de PAC coma hospitalarias, volvendo a esperar horas para ser atendidos e atopándose ademais nova orde para o acceso á triaxe, que se fai por orde de chegada, sen as e os doentes ser valorados por ningún persoal sanitario”. Unha directriz que afecta mesmo a pacientes trasladados en ambulancia, afirma, que teñen que agardar co persoal técnico, sen poder continuar co seu labor.

O sindicato atribúe esta situación ás políticas de recortes "impostas polo PP", que “deterioran a asistencia sanitaria provocando un estado de estrés no persoal e impotencia na poboación que mostra o seu enfado e rabia co primeiro persoal que atopan”.