Denuncian o "desleixo" das administracións na conservación da Ponte de Portugalete

Troncos sobre a ponte de Portugalete, en Caldas (Foto: Umia Vivo).

A asociación Umia Vivo critica o estado de deterioro da Ponte de Portugalete, que cruza o río Umia polo lugar de Segade de Abaixo (Caldas).

A asociación Umia Vivo denuncia o estado de deterioro da Ponte de Portugalete, que cruza o río Umia polo lugar de Segade de Abaixo (Caldas).

O colectivo sinala que “a pesar da ser sinxela, esta estrutura constitúe un elemento singular do patrimonio cultural do Concello, e como tal é irrepetíbel. Mais, logo de soportar innumerábeis enchentes do río, nunca se viu tan ameazada como agora, a causa da falta de interese do Concello e a Xunta da Galiza.

Segundo informan os veciños, a ponte leva desde o pasado inverno soportando a presión de varios troncos caídos.

A indiferenza e desprezo das administracións é lamentábel. Resulta inadmisíbel o abandono da ponte no escenario dun río testemuña de malgasto continuado de fondos públicos en actuacións indebidas levadas a cabo na súa beira, como aconteceu coas pasarelas de madeira que foron instaladas e logo retiradas”, indican.

“Ademais -engade Umia Vivo- á ameaza que soporta a estrutura da ponte hai que engadir a caída de muros dun muíño sobre o sendeiro que enlaza a ponte co lugar de Segade de Abaixo, cortando o paso e a pista de acceso ás últimas casas”.